O Burela FS Pescados Rubén volveu á liga e pechou a Tarde Laranxa da bomboneira con goleada ante o Uruguay Tenerife FS (6-1), con hattrick de Chano e dobrete de Antoñito, adornados co toque de Iago Míguez. Os de Juanlu afrontaron con seriedade o encontro ante un rival que chegou sen complexos a Vista Alegre, con ganas de xogar. O equipo laranxa luciu nas súas camisetas de inicio unha mensaxe de ánimo a Rubén Blanco, fundador de Pescados Rubén SL, convalecente dunha recente operación.
Os mariñáns tiveron que conter o ímpeto dos insulares nos primeiros compases, que buscaron en varias ocasións sorprender a Edu sen éxito nas zapatillas de Kevin. Tras o roubo de Carlitos no minuto 3 que finalmente se estrelou no meta tinerfeño, Chano aproveitou un pase desde banda contraria de Iago Míguez para subir o 1-0 no 5. Os mesmos protagonistas materializaron o 2-0, no 13, cun disparo do 11 burelista que tocou nun contrario antes de superar a liña de meta; antes Edu desbaratara o posible empate sacando o brazo ante Kevin. A tres minutos para o descanso, Antoñito recuperou o seu don goleador da Copa de España rematando ao segundo pau un correctísimo servizo de Behroz.
Na segunda parte, co partido sen perigo, os de Burela mantiveron a súa actitude e concentración. Con 3-0, reiniciouse a cita de novo con iniciativa do Uruguay, esta vez nos pés de Aythami, pero aí estaba de novo Edu, atento para manter a portería local impenetrable. Continuou o recital ofensivo do Pescados Rubén; intentárono Iago, Behroz, Miguel… pero foi Chano, que anotou o seu hattrick no minuto 28, con misil que deixou sen alento o gardameta visitante. Pouco despois, no 29, Iago conseguiu zafarse da defensa insular para anotar o 5-0. O enxeño de Antoñito volveu aparecer no 34 para asinar o 6-0. A resposta do Uruguay foi o xogo de cinco con Yeray á cabeza; Kevin, no 37, estreou o electrónico insular a falta de tres minutos sen opcións de máis.
A peor noticia da xornada para os laranxas foi a lesión do pichichi. Matamoros tivo que retirarse da pista no minuto 11 queixándose do xeonllo esquerdo; os primeiros indicios apuntan a que poida estar afectado o menisco ou o ligamento lateral interno pero haberá que esperar ás próximas horas para coñecer o diagnóstico definitivo.
Homenaxe ao equipo infantil
Vista Alegre quixo homenaxear os protagonistas de Cidade Real. O equipo sénior, a revolución laranxa da Copa de España, saltou á pista acompañado do equipo Infantil A, representante burelista na Minicopa. As xoias da base mariñá recibiron de mans do presidente do club, Manuel Blanco, un recordo audiovisual da cita de Cidade Real.
Sorteo
O número agraciado co televisor Philips sorteado durante o descanso do encontro é o 83. O posuidor da devandita papeleta poderá recoller o premio na sede do CD Burela FS Pescados Rubén (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela, 982581815).
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Edu, Iago Míguez, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Chano, Hélder, Behroz, Ángel, Renato
CFS Uruguay Tenerife: Felipe, Aythami, Pablo, Jeanpi, Kevin, cinco inicial; tamén xogaron Adri Isaac, Cancio, Yeray, José Luis, Sergio
Goles: 1-0, minuto 5, Chano; 2-0, minuto 13, Chano; 3-0, minuto 17, Antoñito; 4-0, minuto 28, Chano; 5-0, minuto 29, Iago Míguez; 6-0, minuto 34, Antoñito; 6-1, minuto 37, Kevin
Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias)
Tarxetas: Por Burela FS amarela a Miguel (minuto 7). Por Uruguay amarela a Yeray (minuto 6), Jeanpi (minuto 8), Adri (minuto 36)
Incidencias: Partido correspondente á 26ª xornada de Primeira División, disputado en Vista Alegre, con 800 espectadores. Minuto de silencio en memoria das vítimas no accidente aéreo de Germanwings desta semana nos Alpes.
*Fotos: Marián G. Mesa






















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
