FOZ, 16 DE MARZO DE 2015.- O deputado autonómico –José Ramón Val Alonso-, interesarase o vindeiro mércores na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre as previsións do Goberno galego respecto da dragaxe das dúas dársenas portuarias do concello de Foz, os seus prazos de execución, así como o orzamento que vai destinar para ese fin e o aumento do número de amarres nelas e así dar servizo a un importante número de usuarios que están inscritos nas listaxes de espera.
A intención do socialista e que Portos de Galicia cumpra coa súa obriga, e dea unha solución ao abandono dunhas instalacións tan necesarias para o desenvolvemento turístico deste concello da Mariña.
A situación na que se atopa a infraestrutura de Foz, xa fora denunciada fai tempo por Val: “aos notables problemas na canle de acceso ás dársenas, a pesares de ter feito dous dragados nos últimos tempos, únense as numerosas deficiencias dentro das mesmas, onde as embarcacións quedan totalmente en seco non só nas mareas vivas, senón tamén nas de coeficiente medio”.
A esta denuncia súmanse tamén os usuarios particulares e o Club Náutico, que levan moito tempo reclamando melloras e non recibiron máis que promesas incumpridas por resposta.