Lugo, 9 de marzo de 2015. A obra do ‘Cristo atado á columna’ regresou nos últimos días ao Museo Provincial de Lugo (MPL) cunha importante sorpresa, logo do seu paso pola exposición itinerante “La belleza encerrada”, celebrada en Barcelona. Aproveitouse o levantamento temporal desta obra, depositada polo Museo Nacional del Prado na galería luguesa dende hai máis de 70 anos, para levar a cabo a súa restauración e grazas a esta, “os técnicos do Prado atoparon as iniciais C.S. ocultas na base da columna representada, polo que esta pintura regresa ao Museo de Lugo restaurada e coa firme autoría de Cornelis Schult”, apuntou Aurelia Balseiro, directora da pinacoteca provincial.
Balseiro sinalou que “este pintor de orixe flamenca residiu en Sevilla e está encadrado dentro da escola sevillana do círculo de Murillo, do que ten claras influencias estilísticas, sobre todo nesta obra en concreto”, puntualizou. A directora do Museo Provincial de Lugo lembrou que “o ‘Cristo atado á columna’ é un óleo sobre lenzo de 41,5 cm x 27,2 cm procedente da Colección Real, encadrado na pintura barroca española, datado cara o 1665 e depositado no Museo de Lugo por O.M. de 31 de xullo de 1940”, explicou.
Volve estar exposto na Sala 6 do MPL
Finalmente, Aurelia Balseiro indicou que “esta obra atópase de novo na exposición permanente da sala 6 do MPL, dentro da colección de arte sacra, logo de voltar de Barcelona”, rematou.
Pola súa banda, o responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, felicitouse de que se coñeza a autoría do cadro. “O descubrimento da autoría do cadro é, de novo, outra boa noticia para o Museo Provincial de Lugo, xa que lle engade máis prestixio a esta obra e, polo tanto, ao propio museo”, apuntou Outeiro.