A Federación de Comercio da Mariña (A Mariña Federación) e a Compañía Repsol asinaron un convenio de colaboración, segundo o cal a mencionada entidade (Repsol) ofrece unha mellora nos seus servizos a todos os asociados da Mariña Federación.
Este convenio supón unha mellora nos prezos do gasoil e a gasolina para turismos, e no gasoil agrícola, a nivel nacional, ademais dunhas condicións máis ventaxosas noutros produtos que ofrece a compañía, como pode ser o servizo VIA-T.
Os beneficiarios destas vantaxes e melloras son todos os socios afiliados ás diferentes asociacións que conforman a Federación: Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Ribadeo, Burela, San Cibrao, Xove, Viveiro e O Vicedo.
Os interesados en obter máis información sobre o convenio, así como a operatividade do mesmo, deberán dirixirse ás súas correspondentes asociacións, que serán as encargadas de facilitarlles todos os datos e trámites.
En palabras do presidente, Ramón Leivas, “estamos encantados con este convenio. Nos próximos meses seguiremos pechando máis acordos de colaboración con distintas empresas de diferentes ámbitos, sempre relacionados con temas de interese para os nosos asociados”.