O Burela FS Pescados Rubén retoma a competición ligueira este domingo, tras proclamarse campioas de Copa Galicia ante o Ourense Envialia (7-0) no descanso de Semana Santa. O seu destino será a complicada pista do AD Alcorcón FSF (Os Cantos, 12.30 horas), que pelexa por meterse en postos de Copa, dende a quinta praza (42 puntos)..
Pechando o podio con 52 puntos, as pupilas de Iván Cao, Lucas, buscarán seguir coa súa boa etapa de resultados; perseguirán a quinta vitoria consecutiva fronte a un rival “con moita calidade individual onde destaca Anita Luján, unha das mellores xogadoras da liga, acompañada por exemplo de Andrea Feijoo” advertía o técnico laranxa. “É un equipo que polas súas individualidades debería estar máis arriba do que indica a clasificación; está preto de meterse en Copa e na casa fortalecerase máis” indicaba Lucas.
A única ausencia nas filas mariñás será Lara, que continúa recuperándose da súa escordadura de nocello. A expedición partirá este sábado ás 14.30 horas.
Na primeira volta as burelistas impuxéronse por 3-2.
A cita poderá seguirse por www.pasiomc.com.
Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 17. Maite, 13. Patri, 14. Bea Mateos, 18. Shiori, 19. Paula, 20. Tainã.