Santiago, 14 de abril de 2015.- O Grupo Popular defendeu na tarde deste mércores no Parlamento solicitar ao Goberno central que continúen as xestións que xa están a realizar a todos os niveis ante o Goberno de Noruega para solucionar o problema dos traballadores da Asociación Long Hope. Así mesmo, demanda ao Goberno do Estado que adopte as medidas legais que correspondan e interpoña unha demanda contra o Reino de Noruega por incumprir o Convenio Europeo de Dereitos Humanos vulnerando a prohibición de discriminación por nacionalidade, xa que esixe a residencia aos traballadores galegos do mar embarcados nos seus buques para a inclusión no sistema noruegués de seguridade social.
O deputado Vidal Martínez-Sierra manifestou que “este é un dos poucos asuntos que suscita un grande consenso entre as distintas forzas políticas, poñéndose isto de manifesto na aprobación por unanimidade de practicamente todas as iniciativas presentadas tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento galego”.
“No esencial todos estamos de acordo no recoñecemento do dereito que teñen os nosos mariñeiros que traballaron tantos anos nos buques de bandeira noruega a percibir unha pensión ou contraprestación económica polos anos traballados, ou ben a devolución dos impostos cobrados pola Facenda dese país, con carácter retroactivo e actualizados a día de hoxe”, explicou.
Escusas de mal pagador
Neste sentido, Martínez-Sierra considerou “escusas de mal pagador” o argumento empregado para non recoñecer esta prestación: non ter residido en terra, algo que non se sostén co dereito internacional; ou a non existencia dun convenio que articule a posibilidade de percibir esta pensión”.
Vidal Martínez-Sierra considerou “preciso impulsar unha nova ofensiva diplomática ao máis alto nivel, ben directamente entre os dous estados ou a través das institucións europeas, co fin de acadar definitivamente este acordo”. “Esta nova rolda de negociacións debería ter un límite de tempo co fin de que non se eternice este proceso e rematado este prazo España debería levar este caso ao Tribunal de Estrasburgo, de acordo coa iniciativa recentemente aprobada por unanimidade neste Parlamento”, apuntou.
O deputado popular lembrou que “o Estado noruego ten asinado convenios e tratados internacionais sobre dereitos humanos, que non admiten ningún xeito de discriminación por razóns de nacionalidade, abríndose unha porta para iniciar o proceso xudicial”.