Ribadeo, 21de abril de 2015. Xa queda pouco para a décima edición do Ribadeo de tapeo, que terá lugar do 9 ao 17 de maio en 51 bares, mesóns e restaurantes da vila e das parroquias. Unha das novidades deste ano é que este concurso de tapas será gastroaccesible, é dicir haberá 4 locais que contarán con tapas aptas para celíacos e un para vexetarianos. O alcalde, Fernando Suárez, contou que coma sempre haberá premios para as mellores propostas, que decidirá un xurado profesional, e o público elixirá tamén a mellor tapa e a mellor barra.
O rexedor dixo que “como quen non quere a cousa xa van aló 10 anos desde o inicio deste Ribadeo de tapeo, deste evento gastronómico que organiza a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo, de Ribadeo, que leva a nosa compañeira Ana Martínez, xunto coa Área de Cultura da Deputación de Lugo”. Suárez Barcia subliñou que “é un dos concursos con máis soleira de todo o país, pero que ano tras ano se revela do máis potente e do máis innovador, colleitando un enorme éxito entre o público e tamén entre os seus máximos protagonistas que son os profesionais dos establecementos de hostalería ribadense”.
O alcalde indicou que “este é o noso maior escaparate gastronómico e é un espazo onde se comparten novas ideas e novas propostas desta cociña en miniatura e onde tamén fomentamos a cultura da tapa e as relacións sociais dos milleiros de persoas que eses días se achegan a Ribadeo, e que para este ano será do 9 ao 17 de maio. No Ribadeo de tapeo participarán neste 2015 un total de 51 bares, mesóns e restaurantes, a meirande parte da vila, pero tamén de parroquias como Rinlo, Remourelle ou Vilaframil. Todo o mundo participa nesta importante iniciativa, que como estes últimos anos contará cunha aplicación para móbiles, tanto para Android como para IOS, e onde todo o público poderá ver os lugares,os horarios, as tapas que se poderán degustar, etc… para decidir a onde vai e cal é a escolla que fai”.
Fernando Suárez engadiu que “tamén haberá os premios dun xurado especialista que dará o mantelo de ouro, o mantelo de prata e o mantelo de bronce e tamén concederá un premio especial á tapa de Ribadeo, que será aquela que promocione os produtos da zona de calidade e de tempada. E o público elixirá o premio á mellor tapa e á mellor barra. No Ribadeo de tapeo o público poderá ir percorrendo as diferentes zonas nas que se dividirá o evento e gañar premios ao mesmo tempo que degustan as tapas”.
O rexedor ribadense manifestou: “queremos, coma novidade para este ano, que o Ribadeo de tapeo se converta nun concurso gastroaccesible, é dicir incorporarase tapas que sexan vexetarianas ou tamén tapas sen gluten. Estamos a colaborar coa asociación galega para celíacos, de feito catro dos restaurantes ofrecerán tapas aptas para celíacos e un para vexetarianos. E como non, nesta edición dedicada a Ribadeo en toda a súa amplitude, de aí a propia imaxe do cartel… imos desenvolver actividades paralelas que valoricen o patrimonio cultural e natural do noso concello e como en todas as edicións anteriores haberá establecementos que organicen tamén actividades para animar esta festa gastronómica”.
Suárez Barcia dixo que “como sempre o noso obxectivo en materia turística é contribuír a desestacionalización do turismo queremos converter esta cita nunha ocasión ideal para coñecer Ribadeo, aunando a nosa riqueza gastronómica coa riqueza natural e cultural, por iso seguimos coa proposta de Soños gastronómicos, que oferta unha escapada a Ribadeo na que colaboran algúns establecementos hostaleiros e na que se incluirán actividades para gozar e coñecer Ribadeo. Queremos convidar á toda a xente de Ribadeo, de Asturias e de Galicia para que do 9 ao 17 de maio fagan un oco e se acheguen ata aquí a probar as tapas do Ribadeo de tapeo”.
Fernando Suárez e Ana Martínez presentaron esta mañá o cartel anunciador deste concurso gastronómico.






















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



