Viveiro, 12 de maio de 2015.- A candidata do PSdeG de Viveiro, María Loureiro, xunto ao seu equipo presentaron esta mañá nos xardíns do paseo marítimo programa de propostas co que aspiran a renovar o goberno municipal, un “programa realista” con tres piares fundamentais: a creación de emprego, o impulso do turismo como principal motor económico do concello, e o mantemento e mellora das políticas sociais, “unha das características que mellor define a nosa etapa de goberno”, subliñou Loureiro. “Os socialistas demostramos en Viveiro que, fronte aos recortes de dereitos e servizos, hai outra forma de gobernar. Nós garantimos o benestar e a calidade de vida dos nosos veciños, o progreso do noso concello, e a boa xestión das contas públicas”, asegurou a alcaldesa en funcións, “e co programa de goberno que hoxe presentamos seguirémolo facendo”.
A presentación do programa electoral tivo lugar no entorno dos xardíns, dado que un dos proxectos que levará adiante no vindeiro mandato o PSdeG “se os veciños nos dan a confianza” é a rexeneración do paseo marítimo da cidade, entre a Porta de Carlos V e a Avenida de Ferrol, que se dotará de zonas arboradas que xeren sombra e de bancos, “unha actuación moi demandada polos veciños á que daremos reposta”, destacou a alcaldesa en funcións. O proxecto xa está orzamentado en 65.000 euros.
“A creación de emprego é, sen dúbida, a nosa preocupación máis importante, un obxectivo prioritario, tanto para a xuventude, como para os nosos veciños de mediana idade”, explicou María Loureiro. De seguir no goberno, os socialistas crearán unha bolsa de emprego municipal, na que as persoas no paro se poidan apuntar e teñan as mesmas posibilidades para acceder a un posto de traballo. Tamén abrirán unha Axencia de Emprego e Formación para facilitar a empregabilidade dos mozos. “Non podemos permitir que a xeración mellor preparada se vexa obrigada a marchar fóra porque aquí non ten oportunidades”, recalcou María Loureiro. Así mesmo, continuarán reivindicando á Xunta a cooperación económica para a contratación de traballadores a través de obradoiros ou outras fórmulas de creación de emprego.
Dado que máis da metade dos postos de traballo de Viveiro pertence ao sector servizos e que o turismo é unha das industrias máis grandes do municipio, o PSdeG seguirá impulsando actividades e eventos que atraen ao municipio a multitude de persoas e que xa situou no máis alto, consolidando deste xeito a Viveiro como referente turístico. Continuará o apoio do Concello ao Resurrection Fest, a Semana Santa, declarada o pasado ano de Interese Turístico Internacional, o Mercado Renacentista, a Rapa das Bestas, a romaría do Naseiro, a Festa da Merluza, a Mostra Folklórica Internacional, o Entroido, a Carreira de Montes de Viveiro, entre outras celebracións.
Promoción no exterior
Co mesmo fin de impulsar o turismo, o PSdeG propón a creación dun padroado de turismo, no que estean presente o Concello e os empresarios do sector (hoteis, restaurantes, empresas de servizos turísticos…) para coordinar e desenvolver accións conxuntas; dar a coñecer a oferta turística de Viveiro a touroperadores estranxeiros (británicos, franceses, alemáns, portugueses…); promocionar a oferta de Viveiro entre as compañías navieiras que chegan aos portos de Santander e Bilbao ofrecendo alternativas de visitas e estancias aos usuarios; continuar as xestións para que volvan os cruceiros a Viveiro; seguir no programa de Villas Marineras e adherirse á Mancomunidade de Municipios da Mariña para tratar de reactivar a entidade e impulsar proxectos conxuntos a nivel comarcal.
Benestar social
A pesar dos recortes impostos pola Xunta de Galicia, o goberno socialista seguirá aumentando os fondos destinados a servizos sociais, que xa “experimentaron un incremento espectacular dende o 2003”.
Entre outras medidas, o PSdeG garante a teleasistencia domiciliaria; Xantar na Casa; potenciará o Servizo de Axuda no Fogar; continuará o servizo de gardería; a información e asesoramento ás persoas maiores; o programa de participación social da terceira idade (xestionar vacacións do Imserso e a tramitación de solicitudes para estancias en balnearios); seguirá colaborando co taller de Alzheimer e con ASPANANE; co programa de inserción social; a oficina do inmigrante; a oficina municipal do voluntariado; coa relación, información e asesoramento ás asociacións de pais e nais; e co proxecto de intervención familiar.
Os socialistas manterán así mesmo as políticas de apoio á xuventude, á muller, á cultura, educación e deporte, entre outras medidas, coas becas de transporte para estudantes e a implantación de novas axudas, a dinamización do albergue de Area durante todo o ano, co Centro de Información á Muller, o Plan de Igualdade de Oportunidades, con orientación e asesoramento xurídico, psicolóxico e profesional ás mulleres, a atención ás vítimas da violencia machista, o impulso da UNED, a colaboración coas ANPAs, a organización de actividades nas instalacións municipais, a programación teatral ou a creación dunha Comisión de Deportes para regular as subvencións e as axudas, as escolas deportivas e a construción dun novo polideportivo no colexio de Covas.
Encontros cos veciños do rural
Por outra banda, a candidatura do PSdeG arranca hoxe unha serie de encontros cos veciños de todas as parroquias de Viveiro para explicarlles “as nosas propostas e compromisos” e coñecer tamén as súas “demandas e preocupacións”. Os socialistas, segundo avanzou María Loureiro, manterán unha concellaría dedicada exclusivamente á atención das parroquias e o medio rural, continuarán o diálogo coas asociacións para coñecer de cerca e solucionar os problemas e deficiencias de todos os núcleos rurais e instalarán máis contedores soterrados en varios puntos do municipio. Esta tarde haberá reunións cos veciños de Xunqueira e Faro-Area.
















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



