A Pontenova, 16 de maio de 2015.- O secretario Provincial –Juan Carlos González Santín- e a vicepresidenta segunda da Deputación –Lara Méndez-, arrouparon este sábado na Pontenova a Darío Campos nun mitin celebrado no municipio.
González Santín indicou que “por terceira vez consecutiva temos ao mellor candidato para manter a alcaldía e continuar co excelente traballo feito ata o de agora”, e engadiu, “conta cunha candidatura profundamente consolidada, cun equipo no que a experiencia política é garantía de resposta ás necesidades dos veciños e veciñas da Pontenova”.
“Ninguén porá en dúbida que o goberno socialista é a única alternativa viable para garantir os servizos públicos e os dereitos da cidadanía. Por iso, sei que o 24 de maio volveremos a facer historia na Pontenova e Darío continuará a ser o sobresaínte alcalde deste concello por maioría absoluta, para poder seguir levando a cabo o proxecto socialista no municipio”, concluíu o secretario Provincial.
No mesmo senso coincidiu a vicepresidenta segunda, quen subliñou que Darío Campos e o seu equipo de goberno foron capaces de “transformar A Pontenova a todos os niveis, en servizos sociais, en infraestruturas… a vila mesmo cambiou de aspecto, é máis atractiva e aberta dende que, coa colaboración da Deputación, saíu adiante o proxecto de encauzamento do río”.
Darío Campos demostrou nestes oito anos que os socialistas “temos outra forma de gobernar”, asegurou Lara Méndez, “que nós somos o partido que máis se parece á xente… non somos nin mareas, nin partidos que xurdiron ó calor dos focos dos platós de televisión… Os socialistas seguiremos estando cando os focos se apaguen.” A vicepresidenta indicou que cada papeleta do PSdeG “é unha garantía fronte ás políticas do Partido Popular; é unha garantía de sanidade pública, de transparencia, de educación de calidade, de axuda á dependencia, de asistencia aos nosos maiores; é o voto da ilusión”.
Aumentar servizos sen subida de taxas
Pola súa banda, o alcaldable lembrou que “fronte aos recortes doutras administracións gobernadas polo PP e as subidas de impostos, nós levamos máis de dous anos sen subir ningunha taxa, e pretendemos non facelo nos próximos catro anos e, aínda así, fomos quen de continuar mellorando e aumentando os servizos á cidadanía”. Neste senso, Campos indicou que “verteremos todos os nosos esforzos na creación da residencia de anciáns e do centro de día, ademais de dotar de novo equipamento aos centros sociais e mellorar o servizo de axuda no fogar”.
En canto ao urbanismo o candidato socialista anunciou que “se procederá á aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal, así como o fomento do arranxo de fachadas, limpeza e peche de soares”. No eido das infraestruturas indicou que “temos previsto o arranxo e mellora dun bo número de estradas e camiños municipais. Ademais, executarase o saneamento do Couso e a traída de auga en Sanxes e Lamarcide”.
Favorecer a instalación das empresas
O emprego tamén preocupa á candidatura que lidera Campos, por iso, “desenvolveremos un plan de emprego municipal e ampliaremos o parque empresarial, co obxectivo de manter as empresas actuais e favorecer á instalación de novas compañías que creen novos postos de traballo para que a cidadanía non teña que marchar fóra na procura de oportunidades”.