Foz, 12 de maio de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego compromete unha axuda de 50.000 euros para cubrir unha das tres pistas do Club de Tenis de Foz e favorecer así a práctica deste deporte durante todo o ano na comarca da Mariña. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e a candidata do Bloque á alcaldía de Foz, Lorena Seivane, mantiveron unha reunión coa directiva e os socios do club focego onde se comprometeron a financiar esta mellora desde a área de Deportes da Deputación de Lugo.
A cabeza de lista do Bloque en Foz considera que “o club de tenis é un dos principais referentes deste deporte na comarca da Mariña e fai un importante traballo de canteira con nenos e nenas de toda a comarca”, polo que “contar cunha pista cuberta en Foz suporá poder facer uso das instalacións todo o ano e incrementar a práctica deste deporte xa non só a nivel local, senón de toda a Mariña”.
O Foz Club de tenis foi fundado no ano 1994 e actualmente conta con 80 socios e socias. Dispón de 3 pistas de tenis e unha de pádel. As instalacións constan ademais de vestiarios e zona de aparcadoiro e en total o Foz Club de Tenis dispón duns 3.600 m2. O club organiza ligas, torneos de verán e outras competicións e ofrece a posibilidade de recibir clases de tenis desde a categoría infantil ata senior.
Esta mellora súmase a outras obras en instalacións deportivas no concello de Foz que van ser acometidas este ano desde a área de Deportes dependente da Vicepresidencia da Deputación, que dirixe Antonio Veiga, como as novas instalacións coas que vai contar o Club Kayak Foz, nas que a Vicepresidencia da Deputación investirá 100.000 euros, e as obras que se van acometer antes do verán no campo de fútbol Martínez Otero, nas que se investirán 45.000 euros.
“Son todas instalacións municipais pero o Concello de Foz tenas abandonadas, coma outras como o pavillón, polo que decidimos melloralas desde a Deputación. Se non fose polo BNG, os focegos e focegas non disporían de instalacións deportivas en condicións para a práctica deportiva”, afirma Lorena Seivane.
Renovación da cuberta das gradas do Martínez Otero antes do verán
A renovación da cuberta das gradas do campo de fútbol Martínez Otero produciráse nas vindeiras semanas, unha vez remate a liga, e estará lista antes do verán. As obras, onde se investirán 45.000 euros, están financiadas pola Vicepresidencia da Deputación e súmanse ás acometidas hai tres anos nos vestiarios e os baños, acondicionados en canto a accesibilidade para seren aptos para o uso de minusválidos, e nas que se infestiron outros 24.000 euros.
As obras consistirán na substitución da cuberta das gradas, que presentan un grado de deterioro elevado, presentando goteiras e representando ademais un inminente perigo para os afeccionados e mesmo para os transeúntes ou para os edificios colindantes polo risco de desprendemento dalgunha das pranchas de fibrocemento actuais; na substitución da cuberta do local social do club e do local onde se garda a roupa deportiva, onde tamén hai goteiras; e na colocación de novos banquiños, xa que os actuais, tanto polo material de construción (formigón), como pola súa ubicación (moi préto do terreo de xogo), supoñen un serio perigo para os xogadores en caso dun impacto accidental.
O Club Kayak Foz contará tamén con novas instalacións
O Club Kayak Foz contará tamén con novas instalacións, financiadas pola área de Deportes da Deputación. A renovación do hangar de piraguas suporá un investimento de 100.000 euros e está pendente de permisos como o de Portos. As novas instalacións, de carácter permanente, substituirán ás vellas instalacións coas que contou o club até o de agora, unha simple caseta de obra prefabricada con moitos anos de antigüidade e en moi mal estado.
Ao mesmo tempo, a infraestrutura actual non era funcional para o seu uso como hangar para as embarcacións e non permitía cubrir a demanda de espazo existente dado o elevado número de usuarios e usuarias cos que conta o club, impedindo deste xeito a mellora do rendemento deportivo e competitivo do club e os seus deportistas. O clube conta con 70 padexeiros e padexeiras federados en categoría alevín, infantil, cadete e xuvenil e compite na Copa Deputación e en regatas a nivel galego e estatal.
Préto de 3 millóns de euros en instalacións deportivas na Mariña nestes 4 anos
Antonio Veiga destacou, pola súa banda, os préto de 3 millóns de euros investidos polo seu departamento en melloras nas intraestruturas deportivas da comarca da Mariña nos últimos 4 anos. O vicepresidente da Deputación detallou algúns destes importantes investimentos, coma os 2,5 millóns de euros no novo pavillón de Ribadeo, 60.000 euros na pista de andadura ecuestre do Valadouro, 45.000 euros na mellora do campo de fútbol do Iberia, os 100.000 euros que se van destinar á mellora das instalacións do Club Kayak Foz, os 45.000 para a mellora do campo de fútbol Martínez Otero ou os 20.000 para a renovación do céspede do campo de fútbol do Valadouro, ademais de outros moitos investimentos de menor cuantía destinados anualmente a obras de mantemento en distintas instalacións públicas municipais da comarca.
A estes investimentos en obras habería que sumar máis de un millón e medio de euros destinados nestes catro anos a apoiar directamente desde a área de Deportes da Deputación a todos os clubs da comarca, tanto de base como de elite. Entre estas axudas, que abarcaron a todas as disciplinas deportivas e a todos os clubs sen excepción, destacan as destinadas a fomentar o deporte base e o deporte feminino. Antonio Veiga reiterou unha vez máis que “ninguén apoiara nunca tanto ao deporte na comarca da Mariña coma nos últimos anos fixemos desde a Vicepresidencia da Deputación”, dixo.