Burela, 13 de maio de 2015.- Este mércores pola mañá tivo lugar a entrega de diplomas aos asistentes ao Obradoiro de habilidades sociais, que organizou o Concello en colaboración co centro de saúde burelés.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Diana Durán, lembrou que “o taller de habilidades sociais para inmigrantes é unha actividade encadrada dentro dos obxectivos do Plan Municipal de Integración de Inmigrantes e nel tratáronse aspectos como a comunicación, asertividade, resolución de conflitos, reforzo da autoestima, igualdade así como aspectos directamente relacionados co proceso migratorio como a carencia de vínculos, dificultades de adaptación e duelos migratorios”.
Esta actividade levouse a cabo durante os meses de marzo e abril en 2 edicións de 20 horas de duración, debido á alta demanda de participación. Foi impartida por persoal do CIM, pola técnica de inmigrantes do Concello e pola traballadora social do centro de saúde de Burela.
Segundo Durán “foi unha actividade moi ben valorada polos/as participantes e volverase a realizar nos vindeiros meses”. No acto de entrega de diplomas estiveron a responsable do Programa de Atención a Inmigrantes, Conchi Pernas, e concelleira de Servizos Sociais.