Mondoñedo, 17 de maio de 2015.- Orlando González Cruz aspira a continuar catro anos máis como alcalde de Mondoñedo para “rematar o traballo feito nestes 8 anos”. O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas destacou que “nestes oito anos e despois de moito traballo logramos sanear as contas do Concello, que estaban arruinadas despois dunha nefasta e irresponsable xestión do PP en Mondoñedo”, polo que “agora que iso xa está feito e as contas do Concello están ao día, é o momento de transformar Mondoñedo”, dixo.
O alcalde nacionalista de Mondoñedo, que estivo acompañado este domingo pola tarde no mitin central de campaña celebrado na Casa da Xuventude de Mondoñedo polo portavoz do Bloque no Parlamento Galego, Francisco Jorquera, do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e de toda a súa candidatura, afirmou que se prensenta “coa ilusión do primeiro día e coa intención de continuar un traballo xa iniciado, un traballo serio e honesto a favor de Mondoñedo e dos e das mindonienses”, dixo.
Pola contra, Orlando González Cruz acusou ao PP e á súa candidata, Elena Candia, de “xogar en contra de Mondoñedo”. “O único que fai é dicirlle á Xunta que non invirta en Mondoñedo porque goberna o Bloque, para intentar asfisiar ao Concello, iso é o único que fixo nestes 8 anos a señora Elena Candia”, reprochoulle. “A súa política é de acoso e derribo do Goberno de Mondoñedo pero non o vai conseguir”, dixo o alcalde.
O mesmo dixo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que onte estivo de campaña en Mondoñeco. “Feijóo veu dúas veces a Mondoñedo desde que eu son alcalde, hai 8 anos. Sempre en campaña electoral a pedir os votos, pero non para traer nada para Mondoñedo, pese a telo invitado, co que demostra que non lle importa Mondoñedo, só lle importa o seu partido”, criticou.
A “chapuza” da Xunta na estrada LU-124
Orlando González lembroulle a Feijóo a “chapuza” que a Xunta está a facer na LU-124 que conecta Mondoñedo coa A-8 e continúa até Riotorto e A Pontenova. “Levabamos 4 anos pedindo a mellora desta estrada e había un orzamento de 4,4 millóns de euros para amañala e agora a Xunta reducíu os cartos a só 775.000 euros e están facendo unha obra que é unha auténtica chapuza xusto antes das eleccións para que se vexa que fan algo”, denunciou.
O alcalde mindoniense reclamou a mellora doutras infraestruturas como a N-634 ou os problemas de seguridade na A-8 pero dixo que “a prioridade máxima para este goberno nacionalista e de esquerdas son os servizos públicos para todos os veciños e veciñas e máis nun momento de crise coma este”.
Un alcalde honrado
Francisco Jorquera, pola súa banda, puxo ao alcalde mindoniense de “exemplo de alcalde honrado humilde que defende aos seus veciños e veciñas”. “Os proxectos non se fan sen persoas e todas as persoas que integran a candidatura do BNG á alcaldía de Mondoñedo son honradas, honestas e traballadoras, esa é a mellor carta de presentación do BNG diante dos e das mindonienses”, dixo.
Jorquera pedíu aos veciños e veciñas de Mondoñedo o voto para o Bloque para “seguir gobernando Mondoñedo e consolidar os cambios que xa se iniciaron” e felicitou a Orlando González e ao seu equipo de Goberno “por ter conseguido nestes anos sanear as contas do Concello, que o Partido Popular deixou arruinado e por ser capaz de manter, pese a esas dificultades económicas, os servizos públicos e os servizos sociais para atender a todos os veciños e veciñas”.
“O PP traballa para engordar o peto duns poucos”
O portavoz do Bloque no Parlamento Galego afirmou que “as eleccións municipais marcan un ciclo electoral que continuará coas eleccións xerais de final de ano e coas eleccións á Xunta do vindeiro ano. Feijóo, que onte estivo en Mondoñedo, sabe que nas eleccións municipais deste domingo vai comezar a perder o Goberno da Xunta”, pronosticou, porque “Feijóo actúa en Galiza como simple delegación de Rajoy, non como presidente de todos os galegos e galegas”, dixo.
Jorquera dixo que desde que goberna o PP na Xunta e no Estado, “medrou a pobreza e a desigualdade, e mentres 7.000 persoas en Galiza acaparan a metade da riqueza galega, a maioría da xente ten moitas dificultades para chegar a final de mes e 100.000 mozos e mozas tiveron que emigrar por non ter traballo neste país”. Francisco Jorquera reprochoulle ao PP “que se preocupe máis dos bancos que das persoas” e lembrou que o goberno do PP destinou “280.000 millóns de euros a sanear os bancos cos cartos de todos nós, que os pagamos cos recortes en sanidade, educación ou servizos sociais. Para iso, para sanear á banca, si que non lle importou ao PP aumentar a débeda pública.Ten razón Cospedal cando dixo que o PP está traballando moito para saquear este país”, afirmou o portavoz do Bloque no Parlamento Galego. “Pero depende de nós que as políticas públicas atendan as necesidades da xente, depende de nós acabar cun modelo que engorda o peto duns poucos a costa de toda a cidadanía”, concluíu.