Burela, 21 de maio de 2015.- O candidato socialista á alcaldía de Burela, Alfredo Llano, destacou este xoves que “recuperar a área de xestión sanitaria da Mariña, garantindo a calidade dos servizos sanitarios tanto no Hospital da Costa como en Atención Primaria, é para nós unha prioridade”.
Neste senso, Llano anunciou que “vixiaremos de preto que se cumpran os compromisos adquiridos pola Xunta coa ampliación do Hospital. Levan 6 anos burlándose dos veciños de Burela e de toda a comarca”, o que cualifica de “situación insostible”.
“Non hai máis que dar unha volta polo hospital para comprobar como estaba, e como está agora coa Área Integrada. O PP abriu o camiño para que o Hospital da Costa se acabe convertendo nun mero ambulatorio”, sinalou Llano.
Dentro do seu compromiso pola sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade, e polo benestar social, os socialistas tamén potenciarán a mellora dos plans concertados e as políticas sociais, como a axuda no fogar; crearán un Bono Social que axude aos máis desfavorecidos e impulsarán un Plan de Integración Social de Inmigrantes que facilite a súa inclusión na vida do pobo e lles facilite os trámites administrativos do Concello, colaborando ao mesmo tempo no seu desenvolvemento cultural.
Educación, cultura e deporte
O proxecto de goberno dos socialistas de Burela inclúe tamén unha aposta firme e decidida pola educación, a cultura e o deporte; segundo destacou o alcaldable socialista, quen informou das propostas específicas neste ámbito, como a promoción de actividades extraescolares para compatibilizar a vida laboral e familiar ou a creación dun festival de cine e unha feira do libro anual.
En materia de cultura, os socialistas impulsarán certames literarios, de pintura e de fotografía, entre outros, para incentivar a expresión artística do pobo. Tamén porán en marcha unha escola de interpretación para nenos de entre 6 a 12 anos, adecuarán a Casa da Cultura para a proxección de cine, acondicionarán un local de ensaio e impulsarán a radio local.
“Crearemos un padroado municipal de deportes que estará integrado polo Concello e os clubs federados do municipio, onde se tomarán as decisións con respecto ás políticas deportivas, de forma que os clubs sexan protagonistas no ámbito deportivo”, avanzou Llano. No ámbito deportivo, o PSdeG de Burela construirá tamén un pavillón “de acordo ás necesidades reais de Burela”, dotará de vestiarios ao campo de herba artificial e creará unha ruta turística homologada para promocionar o Concello.