Hoxe tivo lugar en Ribadeo o derradeiro pleno dos representantes que resultaron elixidos nas eleccións locais do 2011. Os asuntos do pleno foron triviais, e a expectación deste final de mandato só alcanzou a uns poucos. Nin os puntos da orde do día, nin o feito en sí despertou inquedanzas, agás nalgún representante da prensa que plasmará anecdoticamente o ocorrido no pazo de Ibáñez na prensa dun día.
Hoxe por tanto era o día no que algúns concelleiros e concelleiras exercían por última vez o seu poder mediático con diferente bagaxe. Toda unha vida de dedicación ó partido, á política, á ideoloxía, ó ben común, ou ben diferentes traxectorias con diferentes historias e motivacións… Os intereses mesturan os obxectivos da participación e distinguen tamén unhas actitudes doutras.
Entre os presentes moitos concelleiros e concelleiras que non repiten opcionalidade política, e dous concelleiros que dan por finalizada, definitivamente, a súa traxectoria na vida pública. Sería un atrevemento resgar con agradecementos fútiles o derradeiro momento político de dúas figuras señeiras da nosa vila. As súas palabras quedarán rexistradas nas crónicas do Concello con todo o merecemento, pero tamén na memoria de todos os que formamos parte do seu quefacer corporativo. Os dous teñen lugar significado nesta humilde despedida, porque un supuxo o acicate para a miña posta en circulación na vida política do pobo, e o outro o aguillón que esporeou cada unha das reunións nas que estiven presente.
O pleno, administrativo e insulso nas compoñentes, tivo pois unha singular (mellor, plural) despedida co adeus de dous pesos pesados da política local: o concelleiro Manuel Valín e o concelleiro Eduardo Gutiérrez. Certamente non é lugar de loar as súas traxectorias, e ambalasdúas despedidas tiveron mencións ó respecto. Soamente significar que para a miña persoa en concreto un tivo a «desfachatez» de ofrecerme protagonizar unha páxina na particular aventura da participación activa e o outro a de aleccionar cada unha das reunións que tivemos en común e que aínda mantemos. O final do camiño converxe nunha posición de consenso que determina toda a traxectoria política deste mandato e que determina tamén o pensamento de que só cando deixemos de facer política poderemos ser bos políticos.
Os sagaces periodistas definiron a miña participación política nos seus comezos como de «novata bisoñez», e salgo dela da mesma forma: incólume, virxinal e puro. A posición de opositor non queima como o exercicio de goberno, e permitiu obrar de forma latente e pasiva na organización da vida pública. Non fixemos «oposición», non utilizamos os informes dos técnicos como argumentos herdados, non utilizamos os titulares de prensa como puntas de lanza, non confundimos a opinión pública con argumentos equívocos ou mensaxes estereotipadas. Obedecimos á razón, ó sentido común, ó ben xeral, ó benestar público,… Non tiven motivacións políticas, nin ideolóxicas, cadaquén optou polo seu discurso, e discrepou naqueles temas que esixían singularizarse. Non recibín consignas políticas, non houbo discursos verticais; o noso papel foi o de perdedores que debían deixar pasar o mandato facendo sangue, pero que adaptaron a súa situación ó servizo dos ribadenses, renegando dun papel de activistas negativos que só conviñan a uns poucos. Foi tarefa fácil; puidemos discrepar en temas e circunstancias varias, pero resultou que nos máis dos casos as posturas eran compatibles e os intereses comúns. As afrentas recibidas das adminsitracións autonómicas e estatais só reforzaron para moitos a idea de que a política debe facerse en consenso, cunha idea clara do que significa a cidadanía, e fuxindo da dictadura do partido ou dos intereses locais ou persoais. Cando alguén ten a razón ou ten a vontade construtiva, hai que darlla e denfendela, e só desde esa perspectiva poderemos contribuir ó progreso da sociedade.
Deixo o concello con agrademento ós meus compañeiros e compañeiras, porque soubemos amalgamar as diferencias (as máis das veces) na mesma dirección, ó equipo de goberno, pola súa cordialidade no traballo e pola sincera aposta cara o ben común, co agradecemento en suma, á toda a corporación e a todo o persoal que rodea o día a día municipal. Durante catro anos entrevín neles os destellos da democracia en estado puro, da democracia que algúns queren descubrir agora con políticas asamblearias ou con pequenos golpes de temón, e que nós soubemos renovala con impulsos conxuntos durante todo este tempo a través do diálogo, da discrepancia argumentada, do dar a razón cando convence… e do sentido común, algo, ás veces, tan alleo á condición humana.
Deixo o concello sabedor de que os representantes elixidos traballaron en pro do ben da vila, que aplicaron a razón e o esforzo en conseguir melloras para o pobo e que, por encima de intereses políticos, nos máis dos casos, antepuxeron o bó xuízo ó aplauso público partidista. Para aqueles que actúan baixo ideoloxías non resulta fácil aceptar a opoñentes sen carga política, sen conviccións vinculadas a intereses determinados. Pero acaba impoñéndose ó bo facer, non por impulso dos menos senón por aplicación da fin que afecta a todos. E ese é o identificativo básico desta corporación: indepentemente dos intereses particulares soubemos estar por encima das circunstancias persoais e hipotecamos o noso traballo para a mellora colectiva.
O pobo pode asignar a calquera unhas siglas, unha cor ou unha categoría política, pero non poden vincular a súa mente e os seus actos. A demostración palpable deste principio deixa constancia na forma de proceder desta corporación. Cheguei á política sen previo aviso, por confianza, por amizade, marcho dela co mesmo sabor, afianzado no traballo dos que me rodearon, de todas esas persoas que poden ter a confianza do meu criterio e do meu esforzo e interés.
Fixestes un bo traballo! Non é necesario que volo diga, nin é necesario que vos diga que puido ser mellor, que debe ser mellorado. Por eso seguirei confiando no voso esforzo, no voso tesón como cidadáns e cidadás, como traballadores e como persoas que están por encima dos partidos, que antepoñen o pobo e o seu benestar ás ideas.
Agardo un bo futuro en común; cando menos sei que moitos dos que seguen darán todo o que saben e todo o que poden en pro do futuro da vila, e para os outros remato coa frase coa que encabezo esta despedida, lembrade: Sic transit gloria mundi….
Manuel Yáñez Dablanca
Concelleiro en Ribadeo 2011-2015