Lugo, 19 de xuño de 2015. A Xunta de Goberno da Deputación, a última ordinaria deste mandato, aprobou este venres axudas por importe de 340.000 euros destinadas a catro clubs deportivos que apostan polo deporte feminino nas súas disciplinas. En concreto, trátase do Club Emevé de voleibol, que recibirá 77.000 euros; o Club Porta XI Ensino de baloncesto, que recibirá 78.520 euros; o Burela Fútbol Sala, que levará 153.692 euros; e o Club Peluquería Mixta de Friol de fútbol feminino, que recibirá 31.000 euros.
O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deportes, o nacionalista Antonio Veiga destacou que se trata de “catro clubes que se atopan na elite dos seus deportes, disputando competicións a nivel estatal na primeira ou segunda categorías e que dan visibilidade ao deporte feminino na provincia de Lugo”. Veiga felicitou a estes clubs polo seu traballo “intenso e arriscado a prol do deporte feminino desde as categorías inferiores” e animounos a seguir nesa liña porque “os equipos femininos están a lograr grandes éxitos para o deporte lucense, comparables ou mesmo superiores en moitos casos aos logrados polos equipos masculinos”.
“E é ese traballo e perseveranza o que leva aos equipos a estar no máis alto, como é o caso do Emevé, o Ensino, o Burela Fútbol Sala ou o Peluquería Mixta de Friol, polo que cada vez está máis claro que o éxito a nivel deportivo está naqueles clubs nos que priman as categorías inferiores, nas que se van formando grandes deportistas”, concluíu Veiga. “Sabemos que foi unha aposta difícil e arriscada no seu día, pero desde logo que contan co noso máximo apoio, tanto desde a área de Deporte como desde a de Igualdade. Cremos que é un exemplo a imitar e os froitos estanse vendo ao longo dos anos con moitas nenas participando xa dende moi nenas no deporte, que é do que se trata”, destacou.
Recibirán un anticipo do 60%
As axudas concedidas correspóndense coas relativas á convocatoria do ano 2015 de Concorrencia non competitiva para clubs e entidades deportivas da provincia de Lugo, destinados a gastos de temporada do ano 2015 derivados da súa participación en ligas ou campionatos oficiais federados por equipos de 1ª ou 2ª categoría absoluta estatal. Sen embargo, os clubs recibirán xa agora un anticipo do 60% da subvención, sen agardar á finalización da tempada que comeza en setembro, para que poidan dispoñer dos fondos necesarios para planificar e afrontar a vindeira tempada deportiva 2015-2016.