O pasado venres 19 de xuño representantes da Confederación de ANPAS Galegas mantiveron unha reunión con varios dirixentes da consellería de educación. Por parte da nosa Confederación asistiron o presidente, Javier Sánchez; o vicepresidente, Fernando Lacaci; e a tesoureira, Bertila Fernández. Por parte da consellería estiveron José Manuel Pinal, director xeral de centros e recursos humanos, Manuel Corredoira, director xeral de educación, formación profesional e Innovación Educativa; e Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da consellería de cultura, educación e ordenación universitaria.
Iniciamos falando do inconsecuente que resulta a oferta de diálogo realizada polo conselleiro na súa presentación protocolaria con nós o pasado 6 de marzo, co feito de que se nos convoque a unha reunión tres meses longos despois de solicitala, xusto no día no que remata o curso escolar, e cando xa se produciron dous dos problemas que nós quereriamos ter tratado previamente: a avaliación de terceiro de primaria, e o tratamento da vixencia e finanzamento dos libros de texto. A resposta dos responsables da consellería foi “problemas de axenda”.
Na reunión en si mesma falouse sobre todo de libros de texto, a consellería está convencida de que todo vai funcionar sen ningún tipo de problema, malia a postura claramente contraria de toda a comunidade educativa, dos sindicatos, dos partidos políticos e dos movementos sociais, e non precisamente polos seus propios e para nós descoñecidos medios, máis ben porque vai haber unha achega suplementaria procedente da solidariedade das familias que vai ser quen facilite que haxa libros para todos e mesmo sobren.
Tentamos facerlles ver que o sistema estaba mal organizado, que de momento xa deu pé a un nivel de desconcerto realmente importante, que ían aparecer erros por todas partes –como xa de feito está a ocorrer-, que un procedemento así non podía implantarse sen ter un modelo definido, sen ter un estudo moi polo miúdo da variadísima casuística que se había dar en cada centro e en cada curso. E sobre todo que nós, as ANPA, de nos ter chamado a tempo poderiamos ter sido moi útiles coa nosa participación, independentemente de manter a defensa do sistema de préstamo universal e gratuíto como a nosa postura ideolóxica. A resposta da consellería foi que todo estaba ben, e que todo sairía ben, e con ese sólido argumento rematamos o tema.
Tamén falamos da necesidade de comezar a traballar creando unha comisión de comedores, outra de transporte escolar e outra da atención sanitaria ao alumnado durante a súa estadía nos colexios, houbo un silencio por resposta que nos fai pensar que nada se fará, pero aí queda a nosa disposición e a nosa oferta.
En resumo, temos novamente, realmente nunca deixamos de tela con este goberno, unha consellería que malia que nos medios de comunicación enchen constantemente o seu discurso de referencias ao necesario contacto coa sociedade, á escoita e á participación, en realidade obvia aos interlocutores que representamos unha moi ampla parte da comunidade educativa, e temos que ser nós quen andemos a solicitar que se nos escoite, que se abran canles de diálogo, que se traballe en común e que se utilicen as discrepancias como achegas e como mostras da diversidade que existe na sociedade que se pretende regular.