Lugo, 12 de xuño de 2015.- O Presidente da Deputación en funcións, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Deputado en funcións de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, supervisou as actuacións que o organismo provincial levou a cabo na estrada provincial LU-P-5501, que une as localidades de Marco de Álvare ás Rodrigas, no Concello de Riotorto.
Gómez Besteiro destacou “o esforzo inversor que o organismo provincial fixo polos veciños, que outros prometeron e nunca tiveron a intención de facer. Agora teñen unha estrada que dará un servizo fundamental”.
A Deputación investiu máis de 1,6 millóns de euros no arranxo desta estrada (1.235.000 euros nas obras e 400.000 euros nas expropiación de 200 fincas), que supón a principal vía de comunicación desta zona da Mariña coa capital da provincia, xa que se trata do principal acceso á N-640. As actuacións consisten na mellora do trazado grazas á eliminación de curvas; o acondicionamento con dobre capa de aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical. Estas melloras leváronse a cabo nun tramo de 5,800 quilómetros.
Vella demanda dos veciños
Esta obra era unha vella demanda dos veciños. Logo de anos de enganos do anterior goberno da Deputación, en mans do Partido Popular, que compromoteu estes traballos sen ter nin terreos nin cartos. As dificultades continuaron cando o actual goberno provincial tivo que agardar dous anos a que a Xunta de Galicia, tamén en mans do Partido Popular, desbloqueara as expropiacións.