UCGAL está a constatar que consumidores e usuarios de diversos puntos de Galicia están a recibir cartas das súas compañías eléctricas nas que se lles esixe o pago de facturas desorbitadas e, nalgúns casos, acusando ao usuario da manipulación do contador sen presentar proba ningunha que sustente a dita acusación.
Ao mesmo tempo e día a día medra o malestar entre milleiros de galegos que están a recibir facturas que se están emitindo de forma ilegal, conculcando o procedemento establecido na normativa vixente.
Esta organización considera moi grave que empresas prestatarias de servizos de interese xeral cheguen ao punto de acusar aos usuarios galegos da comisión dunha conduta que está tipificada como delito no vixente código penal (fraude na subministración eléctrica) nun contexto no que estas empresas non son quen de cumprir cunha mínima obriga, cal é a lectura dos contadores e a emisión de facturas con datos reais.
Para Unión de Consumidores de Galicia, condutas como as que se están xeralizando nestas datas son inadmisibles pero seguen e seguirán a proliferar no entanto os nosos gobernantes continúen deseñando políticas máis dirixidas a consolidar os ingresos e beneficios de poucos en detrimento dos dereitos de todos.
Manipulación de equipos
O que inicialmente parecían casos illados está a trocar en conduta reiterada, e o número de casos desta natureza está a medrar. Consumidores e usuarios están sendo criminalizados polas compañías eléctricas sen aportar elementos que proben a efectiva manipulación de equipos por parte da persoa titular do contrato, todo elo dentro un plan no que parece primar un afán recadatorio.
Unión de Consumidores de Galicia constata que no momento en que o persoal da empresa distribuidora detecta a “suposta” manipulación dos contadores nunca se advirte ao usuario para que poida estar presente. Malia que no “expediente” instruído pola eléctrica adoitan incluírse fotografías dos equipos, para UCGAL é unha burla pretender que unha fotografía constitúa un elemento probatorio suficiente para atribuír a responsabilidade dunha persoa concreta.
Aínda no caso de que a empresa distribuidora demostrara que un usuario manipulou o equipo de medida e control e de non existir un criterio obxectivo para calcular o importe defraudado, terá que axustarse ao establecido no Art. 87 do RD 1955/20001. Unión de Consumidores de Galicia tramita reclamacións nas que empresas eléctricas pretenden cobrar aos usuarios cantidades de ate o triplo do que a lei estipula para estes casos e baixo veladas ameazas de corte do servizo.