Cervo (Lugo), 22 de xuño de 2015.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantiveron este luns en Cervo un encontro de traballo cos representantes das casas de turismo rural e establecementos hoteleiros sobre o funcionamento do sistema de regulación de acceso ao Monumento Natural das Catedrais.
As representantes da Xunta de Galicia trasladáronlle ao sector o procedemento que regulará o acceso deste espazo protexido durante os meses de xullo, agosto e setembro e na Semana Santa, cun límite de 4.812 persoas ao día.
O obxectivo do encontro era explicar de primeira man a proposta da Xunta para conservar este contorno natural privilexiado pero tamén contribuír ao seu aproveitamento turístico.
Así mesmo, os representantes do sector puideron trasladar á Xunta as súas inquedanzas e propostas.
Grazas á dita reunión estableceuse un diálogo que permitiu acadar os consensos necesarios para garantir que este Monumento Natural sexa unha oportunidade turística, social e cultural ao tempo que se compatibiliza a preservación dos valores ambientais.