O Celta Atletismo foi o encargado de organizar a novena edición do Trofeo Alfonso Pousada onde máis de 30 atletas melloraron os seus rexistros persoais.
A decisión de incluír, ademais, un control técnico da RFEA de 800m e 1500m fixo que outros atletas de talla internacional se achegasen a Balaídos.
Foi o caso do 800m masculino, xa que os tres primeiros colócanse entre os mellores do ránking nacional absoluto. Coa colaboración de Diego Cadrado, David Bustos debutou esta tempada impoñéndose cun crono de 1, 48,47. Tras el, buscando a mínima para o europeo sub-23, Álvaro de Arriba, 1,49, 25 e Saúl Martínez, 1, 49, 56.
As outras tres probas do control tiveron o plus de que as excelentes marcas correron a cargo dos atletas de casa. O máis destacado, Adrián Ben (Lucus), que investiu 3, 48,86 para percorrer os 1500m. Mellor marca española do ano, cuarta europea da tempada e récord galego xuvenil (anterior, 3,52, 2 de Roberto Pérez do 85).
Seguiulle Miguel González (Lucus) asinando 3, 51, 30. Ambos revalidaron a mínima para o mundial xuvenil a celebrar en Cali (Colombia) que xa posuían. Tras eles, outros novas promesas da especialidade, Jorge Puig (SGP), Ivo Maseda (Lugo R) e Tariku Novales (At Noia), todos encarrilados por Víctor Riobó (CAS), que fixo o gasto tirando ó principio.