Alumnos de 1º e 2º de ESO participaron este martes 2 de xuño nunha actividade que conxuga dieta e exercicio físico e que Mª José Fernández Carbajales, a súa profesora de Educación Física, lles propuxo levar a cabo.
“Mediterraneamos, aprendemos a comer, aprendemos a cociñar” é unha acción impulsada polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente que pretende fomentar a dieta mediterránea e a importancia dunha boa nutrición para o correcto desenvolvemento das nosas actividades diarias.
Dous monitores especializados expuxeron a parte teórica e falaron dos beneficios dunha alimentación variada e equilibrada. Logo da explicación, os rapaces puxeron en práctica o aprendido e elaboraron receitas con ingredientes pertencentes á dieta mediterránea (pan, aceite, olivas, froitos secos, hortalizas, froitas e xamón). Remataron a actividade cunha sesión de zumba, coa que introducir a importancia da actividade física como hábito saudable.