18 de xuño de 2015.- CIG-Saúde lembra que desde o ano 2012 vense demandando da consellaría de Sanidade que se fagan públicos os datos sobre as e os doentes galegos que non estaban a retirar das farmacias os medicamentos prescritos. Unha demanda que a consellaría preferiu non atender, como tampouco fixo caso algún das denuncias dos propios facultativos/as que vían como a saúde dunha parte importante da poboación ía empeorando día a día porque as súas condicións económicas lle impedían acceder aos tratamentos.
Fronte a isto, a CIG-Saúde denuncia que porén agora, “por mor do desplome do Partido Popular sacan unha medida absolutamente insuficiente, porque hai máis de 100.000 persoas con rendas baixas, con fillos menores ou dependentes ao seu cargo que seguirán sen poder facer fronte a ese copago farmacéutico”.
A central nacionalista asegura que a situación é de tal gravidade para moitas e moitos doentes que “en non poucos casos acaban recorrendo aos servizos de urxencias coas súas patoloxías agravadas por non poder medicarse e ao final é neses servizos onde reciben a medicación correspondente”.
A isto engade que non só a administración “castiga” á poboación con estes repagos senón que hai innumerábeis fármacos -máis de 400- que foron retirados do financiamento público pero que son indispensábeis para a saúde de moitos doentes que “non van poder acceder a eles”.
Asegura que estes medicamentos experimentaron ademais unha suba que, en non poucos casos, superou mesmo o 100%. Por iso exixe, máis unha vez, a derrogación do decreto 16/2012 e de todas as medidas que supuxeron unha perda de dereitos sanitarios da poboación. “Os repagos non benefician á sanidade, nin diminúen o gasto farmacéutico, porque as multinacionais seguen incrementando exponencialmente os prezos dos medicamentos. Porén, contra isto os gobernos do PP non adoptan ningunha medida porque é moitos máis doado lexislar en contra dos máis desfavorecidos”, conclúe.