Foz, 15 de xuño de 2015.- Ao longo do presente curso 2014-2015 estivéronse a celebrar os actos conmemorativos correspondentes ao 75 Aniversario do Colexio Martínez Otero de Foz.
Dende o comezo do presente curso, alá polo mes de setembro de 2014, o colexio respiraba festividade en todas as súas actividades, pero foi a finais do mes de novembro cando se deu oficialmente o pistoletazo de saída a todos os actos de celebración do evento co descubrimento dunha placa na fachada principal do colexio. Un acto ao cal asistiron importantes personalidades da vida civil e relixiosa da bisbarra.
A este acto fóronselle sumando ao longo do curso distintas celebracións conmemorativas do evento, abranguendo todo tipo de actividades, dende as deportivas como unha carreira popular ou un torneo aberto de Xadrez; culturais como a actuación da rondalla Latexos, as xornadas de teatro, a publicación en vinderias datas do libro titulado “Historia do Colexio Martínez Otero” escrito polos antigos alumnos D. Antón Niñe, D. Ramón Eiras e Dna. Alejandra Eiras ou a charla con políticos locais que foron alumnos do colexio; ata as asociativas como o deseño dunha camiseta conmemorativa do 75 aniversario ou a celebración dunha comida de irmandade entre exalumnos.
Os actos de celebración deste 75 aniversario rematarán este curso o próximo día 27 de xuño de 2015 cunha gran COMIDA DE CONFRATERNIDADE.
O porgrama previsto para esta matinal do sábado arrancará ás once da maña cunha “pachanga” no patio do colexio na que se enfrontarán os exalumnos do século XX contra os exalumnos do século XXI.
A continuación, ás doce e dez da mañá celebrarase unha Eucaristía no salón de actos do colexio oficiada por D. Antonio Rodríguez Basanta, exalumno do colexio, presidente do Padroado da Fundación Martínez Otero e na actualidade Administrador Diocesano de Mondoñedo – Ferrol.
E como peche a esta mañá de celebracións, ás duas e cuarto da tarde terá lugar a Comida de Confraternidade servida no pavillón do colexio Martínez Otero. O menú a degustar estará composto por polbo á feira, tenreira asada con gornición e torta de queixo, todo iso regado con bo viño albariño e tinto colleiteiro. A sobremesa irá acompañada de café e chupitos.
O prezo desta comida de confraternidade é de 20 euros persoa. As tarxetas pódense retirar ata o día 20 de xuño na Administración do colexio de 10:00 a 13:00 e de 16:30 a 20:00 horas.
Dende o Comité organizador do evento animan a todas as persoas que ao longo de todos estes anos, formaron parte desta enorme comunidade educativa, a participar nesta gran xornada do día 27. Unha xornada de confraternidade onde estará máis presente que nunca o lema da celebración: “75 ANOS CAMIÑANDO XUNTOS”.