Riotorto, 17 de xuño de 2015.- O vindeiro venres celebrarase o primeiro pleno da corporación municipal de Riotorto despois das eleccións locais. Neste pleno tratarase entre outros temas unha proposta do Partido Popular sobre o réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación municipal na que propoñen que o novo alcalde teña unha dedicación exclusiva retribuída con 14 pagas de 2.700 euros brutos, máis trienios e seguridade social.
Desde o BNG entendemos que é obsceno que o máximo representante do Concello queira cobrar un salario que nin por asomo cobran o 99% dos seus veciños. É toda unha declaración de intencións do que vai ser esta lexislatura en Riotorto, algo do que xa advertimos no seu momento dicindo que os do PP veñen aquí arranxar a súa vida.
Nun contexto de profunda crise económica onde a maioría dos veciños de Riotorto que son pensionistas, parados ou asalariados, que non saben como chegar a fin de mes debido á conxelación das pensións, a caída dos salarios, aos repagos farmacéuticos, a subida da luz ou do IVE, non van entender que o seu máximo representante vaia cobrar uns 45.000 euros ao ano, máximo representante tamén do Partido Popular en Riotorto, o partido que aplica todas esas medidas antisociais que mencionaba antes, o partido que defende os intereses do gran capital e que está empeñado en que a factura da crise a paguen as maiorías sociais.
Este é o paradoxo, os veciños van pagar un enorme salario a unha persoa que debería defendelos das agresións a que están sometidos, algo que esperamos que así sexa, aínda que vendo os antecedentes moito nos tememos que vai ser xusto o contrario, que o novo alcalde se vai limitar a aplicar en Riotorto as consignas dos gobernos de Madrid e Santiago contrarias aos intereses dos seus veciños.
Por outra banda o feito de que só se contemple unha dedicación indica o modelo de goberno que pretenden impor o Partido Popular en Riotorto: un concello onde o Alcalde decidirá, fará e falará, profundamente personalista, cun alcalde omnipotente e omnipresente, que nos retrotrae aos tempos escuros de gobernos anteriores do PP, a outro século. Fronte a isto, o BNG proporá que haxa alo menos dúas dedicacións parciais e se forme unha equipa que asegure unha mellor atención aos veciños.