Foz, 11 de Xuño de 2015.- O BNG de Foz expón que seguirá antepoñendo a política aos políticos. Este mércores o BNG reuniuse na súa sede con PSOE e FPF para expoñer os puntos básicos mínimos para poder chegar a un posible acordo.
Estes cinco puntos coinciden cos que incluía o compromiso que Lorena Seivane trasladaba aos demais candidatos durante a campaña e que aínda hoxe non responderon.
As cinco ideas ás que o BNG de Foz nunca renunciaría son as que trasladou onte na reunión a tres.
A primeira baséase en poñer a funcionar o Viveiro de empresas no Polígono Industrial de Fazouro.
A seguinte proposta é adquirir un compromiso pola participación e a democracia, poñendo a funcionar o Regulamento de Participación Cidadá, que dará voz @s veciñ@s, ás parroquias e ás asociacións.
O terceiro punto innegociable é a de facer un Concello transparente, ético e responsable no seu goberno; comprometido coa xestión rigorosa do diñeiro público con medidas como cobrar o IBI á Igrexa, aos bancos e ás grandes empresas, a administración de obras e prazas por concurso público e a elaboración duns orzamentos participativos e reais.
O penúltimo sería o compromiso polo territorio, que inclúa o adencentamento de vías públicas e zonas comunitarias, sinalización, accesos, eliminación de barreiras, cumprimento de ordenanzas e coidado das pistas e dos montes. Aprobación definitiva do PXOM, rematar os servizos básicos nas parroquias e resolver definitivamente o problema da depuradora.
E en quinto lugar os servizos, tanto os sociais como os municipais. Dentro dos servizos sociais comprometersea unha xestión pública para a residencia e centro de día en construcción, ampliación das prazas das escolas infantís, crear o xantar na casa e pór en marcha o piso tutelado. E no referente aos servizos municipais, recuperar para @s veciñ@s todos aqueles servizos que foron privatizados: auga, alumeado, xardinería e axuda no fogar.
Segundo Lorena Seivane “o BNG considera estes cinco puntos innegociables para poder chegar a un posible acordo de esquerdas. Cremos que a elección de alcalde é a última decisión e que o primeiro é pensar no benestar dos veciñ@s con políticas participativas e igualitarias”.