Foz, 12 de xuño de 2015. A asemblea local do BNG en Foz, reunida este xoves, analizou a esperpéntica situación que se está a vivir no concello que, a priori, imposibilita o cambio de goberno que as veciñas e veciños votaron maioritariamente o pasado 24 de maio.
Desde o BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Foz considérase que:
– O goberno do Partido Popular destes catro anos foi nefasto e causou unha grave parálise e prexuízo para o concello de Foz.
– As veciñas e veciños apoiaron maioritariamente un cambio no goberno municipal para tratar de sacar a Foz desta situación.
– Para un cambio de goberno en Foz é preciso un acordo que supoña poñer os intereses da veciñanza por diante e no que se deixen as peas persoais a un lado.
– Asistimos nestes días a un espectáculo no que as dúas forzas obrigadas por matemática pura a entenderse, preferiron falar de cargos e dos seus problemas persoais que dun proxecto ao servizo da xente.
– O BNG foi a única forza que falou de acordos en base a puntos programáticos que a nosa organización entende fundamentais e que suporían un cambio real nas políticas de Foz e non só un cambio de caras que non serviría de nada.
– Á vista da postura de enconamento por parte de PSOE e FPF, incapaces de chegar a un acordo sobre quen ocupará a alcaldía; o BNG nun acto de responsabilidade coas persoas que votaron a nosa formación, mais tamén coas que apostaron por outras formacións, pero en calquera caso por un cambio, acordou TRASLADAR AO PSOE E FPF A SÚA DISPOSICIÓN A ASUMIR A ALCALDÍA SOBRE A BASE DUN ACORDO PROGRAMÁTICO ASUMIDO POR TODAS AS PARTES E A PARTIR DAS SEGUINTES PREMISAS:
– A día de hoxe semella que o principal atranco por parte do PSOE e FPF para acadar un acordo que posibilite un cambio no goberno municipal, é cal das dúas forzas vai ocupar a cadeira da alcaldía.
– O BNG cre que é unha responsabilidade das forzas políticas dar resposta ao mandato das urnas, e nese sentido, está en disposición de asumir a alcaldía como única solución posible á parálise actual.
– O BNG asume esta responsabilidade como último intento para acadar un cambio no goberno de Foz e sempre poñendo por diante os puntos irrenunciables do noso programa que xa foron feitos públicos e trasladados en días pasados a PSOE e FPF.
– A única intención e o único interese que ten o BNG en asumir a alcaldía, é posibilitar un goberno en Foz comprometido con novas políticas ao servizo do pobo, visto que as outras forzas políticas que teñen esa responsabilidade non a asumen e prefiren seguir enleadas en cuestións persoais ou partidarias, poñéndoas por riba dos intereses de Foz.
– Desde a humildade que nos caracteriza e recoñecendo que a nosa situación é a máis feble en canto a número de apoios, consideramos que unha alcaldía do BNG é garantía inequívoca dun goberno ao servizo do pobo de Foz e que aplique políticas radicalmente distintas das que se veñen levando a cabo neste concello.
– Esta oferta non so vai dirixida ao PSOE e a FPF, senón á sociedade focega, á que tamén queremos facer participe dun goberno aberto e participativo onde o pobo ten moito que dicir, e desde o BNG imos garantirlle esa participación nas decisións que o concello teña que tomar en moitos temas. Garantiremos a participación veciñal e o xusto recoñecemento ao importante tecido asociativo de Foz.
– O BNG asumiría unha alcaldía dun goberno estable, baseado nunha negociación posterior á toma de posesión sobre políticas e puntos programáticos e non sobre reparto de poderes, no que todas as forzas en disposición de asumir os puntos básicos de goberno do BNG terían cabida e participación.
– A negociación do goberno municipal faríase de xeito aberto, poñendo por diante as cinco ideas que o BNG xa anunciou como irrenunciables, e apostando por unha participación de todas as partes que adquiran o compromiso de dar estabilidade ao goberno municipal que reiteramos son os seguintes:
– A primeira baséase en poñer a funcionar o Viveiro de empresas no Polígono Industrial de Fazouro.
– A seguinte proposta é adquirir un compromiso pola participación e a democracia, poñendo a funcionar o Regulamento de Participación Cidadá, que dará voz @s veciñ@s, ás parroquias e ás asociacións.
– O terceiro punto innegociable é a de facer un Concello transparente, ético e responsable no seu goberno; comprometido coa xestión rigorosa do diñeiro público con medidas como cobrar o IBI á Igrexa, aos bancos e ás grandes empresas, a administración de obras e prazas por concurso público e a elaboración duns orzamentos participativos e reais.
– O penúltimo sería o compromiso polo territorio, que inclúa o adecentamento de vías públicas e zonas comunitarias, sinalización, accesos, eliminación de barreiras, cumprimento de ordenanzas e coidado das pistas e dos montes. Aprobación definitiva do PXOM, rematar os servizos básicos nas parroquias e resolver definitivamente o problema da depuradora.
– E en quinto lugar os servizos, tanto os sociais como os municipais. Dentro dos servizos sociais comprometerse a unha xestión pública para a residencia e centro de día en construción, ampliación das prazas das escolas infantís, crear o xantar na casa e pór en marcha o piso tutelado. E no referente aos servizos municipais, recuperar para @s veciñ@s todos aqueles servizos que foron privatizados: auga, alumeado, xardinería e axuda no fogar.