Estrasburgo, 9 de xuño de 2015.- Este martes pola tarde a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) Lídia Senra deu a coñecer en rolda de prensa, canda outras eurodeputadas/os da esquerda estatal[1], o manifesto “UNHA MAREA CONTRA O TTIP”, unha comparecencia marcada polo anuncio, apenas uns minutos antes, da suspensión da votación do informe de recomendacións do Parlamento Europeo á Comisión Europea relativas ás negociacións da Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión (ATCI) -máis coñecido como o TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership)-, elaborado pola Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo e prevista para mañá.
A institución comunitaria alegou dificultades para realizar a votación do elevado número de enmendas presentadas ao texto, malia que previamente tomara a medida de mesmo adiantar a hora de inicio do Pleno ás 8:00hrs. da mañá en previsión do tempo que levaría esta votación.
Sen deixar de lado todo tipo de precaucións, diante do adiamento da votación a deputada de AGEe valorou que “sempre tivemos claro que na medida na que se coñecera o que se estaba a negociar, inda sen transparencia e ca información tan condicionada á que temos acceso, a presión social iría en aumento”. Deste xeito, Senra quixo poñer en valor o traballo realizado polas organizacións sociais, movementos e cidadanía en xeral expresando a súa disconformidade co TTIP, tanto a través de fortes mobilizacións como das campañas de información postas en marcha, así como das estratexias de presión dirixidas directamente ás representantes políticas/os, como o envío nestes últimos días de correos electrónicos ás eurodeputadas/os diante da votación inicialmente prevista.
Dende AGEe, reiterou a eurodeputada galega, “reclamamos a suspensión das negociacións en calquera circunstancia”, e agora inda con máis contundencia, xa que “non se lle está a dar ao Parlamento Europeo a posibilidade de fixar a súa posición, seguramente porque os resultados non ían ser os que esperaban.”
A través do manifesto presentado hoxe, eurodeputadas/os de formacións de esquerda do Estado español quixeron dar unha mostra de unidade fronte a un acordo de libre comercio que, de ser aprobado, destruiría “liberdades e dereitos conquistados durante décadas para poñelos ao servizo do beneficio dunhas poucas multinacionais”.
Aliás, estratéxicamente o texto interpela directamente ás parlamentarias/os do grupo socialista, que vén mantendo unha actitude ambigua[2] fronte ao polémico tribunal de arbitraxe entre multinacionais e gobernos – ISDS polas súas siglas en inglés – recollido nesta proposta de acordo comercial.
“Dende AGEe seguiremos dando a batalla contra este ataque á soberanía dos pobos”, proseguíu Lídia Senra, “no Parlamento Europeo, na rúa e en tódolos espazos nos que nos sexa posíbel”, xa que, como recollemos neste manifesto conxunto, “o TTIP é un acordo deseñado para poñer fin, dun só golpe, aos instrumentos que aínda nos quedan aos pobos de Europa para facer fronte a estes privilexios e frear a primacía da economía por riba da xente. (…) Non queremos a súa reforma ou mellora, cremos que é imposíbel un TTIP bo para a xente, un acordo comercial ditado polas grandes multinacionais sempre vai ir en prexuízo dos intereses da maioría. Reclamamos que se dea voz a todas as partes implicadas no proceso, e que se escoite aos movementos e organizacións sociais, (…) esiximos que se celebre un referendo sobre o TTIP, que dea voz a quen ostenta a soberanía: a xente.”