Mondoñedo.- 13 de xullo de 2015- A Xunta de Goberno do Concello de Mondoñedo acordou este luns iniciar o procedemento de contratación das obras de rehabilitación da Casa da Xuventude.
A memoria valorada das obras que se pretenden realizar no inmoble teñen por obxecto solucionar os problemas de filtración das humidades existentes no edificio, ademais de renovar os acabados nas zonas afectadas polas obras.
Dende o goberno local resaltan a importancia deste edificio, que funciona tamén como Centro de Información Xuvenil, e que constitúe un medio fundamental de promoción cultural e de dinamización da xuventude do concello.
As obras, que serán financiadas nun 95% pola Deputación de Lugo, ascenden a un importe de 16.407,90 euros, e estímase, segundo a memoria, que terán unha duración de seis meses.
Obras a realizar
As actuacións a realizar inclúen renovación das cubertas planas, colocación dun sistema de ventilación forzada automático; reparación dunha parte da cuberta de lousa do inmoble; renovación da tarima flotante de madeira nas zonas afectadas polas humidades; colocación dunha canaleta de recollida de auga de condensación da zona da galería e selado do encontro da galería de aluminio contra o muro de peche da vivenda; e renovación dos acabados interiores do inmoble.