Ribadeo, 10 de xullo de 2015.- A bandeira azul e a de Q de calidade, que recibiu este ano de novo o porto deportivo de Ribadeo, foron izadas na mañá deste venres pola nena Marina Felgueroso Pelegrín, que é neta dun dos fundadores do Club Náutico ribadense, Alberto Pelegrín, recentemente falecido. Tamén en homenaxe a el no cartel da Semana Náutica deste ano se reproduce un cadro pintado por Alberto Pelegrín. No acto participou o presidente da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNUAGA), Javier Ruíz de Cortazar; e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ademais do presidente do Náutico local, Ramón Acuña. Entre os asistentes houbo diversas autoridades e tamén unha delegación de xornalistas que traballan para medios ingleses, franceses, irlandeses e portugueses.
O encargado de abrir o acto foi presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, quen destacou a axuda que a entidade está a recibir por parte do presidente de ASNUAGA: “imos baixo a súa batuta, estanos a abrir moitas portas, polo cal estamos moi agradecidos e quero que nos diga a impresión que lle causou o porto de Ribadeo. Síntome moi contento porque se elixise precisamente a Ribadeo para que estes xornalistas internacionais que están a facer un percorrido por todos os clubs náuticos de Galicia que dispoñen a Q de calidade sexan os nosos embaixadores no estranxeiro. Hoxe arranca precisamente un itinerario que van facer por todos os portos, que rematará en Vigo o domingo. Pretendemos que se leven unha boa impresión das nosas instalacións, que é importante para nós, que se leven unha bo impresión da nosa hospitalidade e que sexan embaixadores do que aquí temos para que os seus concidadáns nos visiten e poidamos ter un turismo de calidade e se sentan a gusto entre nós”.
Javier Ruiz de Cortazar comentou que “tiña unha espinita cravada, porque a zona da Mariña, e en concreto Ribadeo, estaba un pouco apartada dos circuítos que temos os clubs náuticos e entón hai uns meses lle dixen a Ramón que iamos organizar precisamente esta ruta de portos Q de calidade e que para min era fundamental que se empezase en Ribadeo, porque é a porta de Galicia. Ademais Ribadeo é tamén a porta do Camiño de Santiago entendido como turismo náutico. Hai moitos anos, na Idade Media, viñan moitas embarcacións que deixaban aquí á xente para empezar o camiño por terra”.
O presidente da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia engadiu que “aquí teñen as mellores instalacións náuticas de Galicia. É o porto deportivo máis importante, polo menos en número de atraques, e a hospitalidade sempre foi boa. Nós queremos potenciar Ribadeo de cara ao norte de Europa, porque se veñen aquí seguro que poden baixar a outros clubs náuticos. Ademais o tempo acompaña e queremos darnos as grazas polo voso recibimento”.
Concluiu o acto coa intervención do alcalde ribadense, Fernando Suárez, quen destacou que as bandeiras izadas este venres “recoñecen que se fan moi ben as cousas en Ribadeo, e singularmente no Club Náutico, porque izar as bandeiras azul e Q de calidade non é calquera cousa. Moitas veces a bandeira azul ten unha importancia mediática moi importante e ademais hai que traballar durante todo o ano para conseguila, pero a Q de calidade, da que non se fala tanto, case ten máis requisitos de dureza que a propia bandeira azul. Hai moi poucas praias e portos que teñan estas dúas enseñas e aquí, en Ribadeo, aparte das Catedrais, dos Castros, etcétera, temos as do porto deportivo, que levamos con moito orgullo durante os últimos anos”.
O rexedor municipal destacou que “con todo isto, cada un na súa parcela con humildade e con moito traballo, facemos que Ribadeo sexa cada vez máis unha luceciña no mundo do turismo, da náutica, que empeza a brillar con luz propia, indo a máis cada día. Énchenos de orgullo pensar que isto hai uns anos non era así e hoxe podemos dicir que temos unha delegación de xornalistas de revistas europeas, que seguramente van falar moi ben de nós. Espero e confío en que sexa así. E ademais coincide que están aquí durante esta festa que nos inventamos, o Ribadeo Indiano, que seguramente vai ser unha regalía para todos e todas”.
























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



