Paulo Naseiro.- Andan as novas autoridades municipais de Madrid a estudar a retirada de nomes ligados á ditadura franquista do rueiro da cidade. É unha iniciativa louvábel sobre a que pouco cabe dicir. Se cadra, que non era sen tempo.
Hai, porén, unha eiva en todo este asunto que chama a atención, e que nos esperta a algúns un debate sobre onde remata o franquismo e onde comeza a pura supervivencia: a inclusión do nome de Álvaro Cunqueiro entre os “fascistas” a purgar do nomenclátor.
Que Cunqueiro, da súa militancia inicial no galeguismo virou coa guerra -e co medo- cara á Falanxe, non é ningún segredo. Que tratou de saír adiante no cruel mundo de postguerra da man do ferrolán Jesús Suevos, preboste falanxista de primeira –e última- hora, figura en todas as biografías publicadas até agora sobre o insigne mindoniense. Que en 1943 abandonou a Falanxe e ao ano seguinte perdeu o carné de xornalista, rematando a súa colaboración coa ditadura, é un dato perfectamente establecido e non suxeito a discusión.
Pero, por riba da anécdota e dun tempo cruel e cheo de claroscuros, onde medio país simplemente tratou de sobrevivir, Álvaro Cunqueiro é, con permiso de Ferrín, o narrador máis grande da historia da literatura galega, o precursor –con Torrente- do realismo máxico que levaron ás máis altas cotas Gabriel García Márquez e Miguel Ángel Asturias. Se para os madrileños isto non merece unha lembranza, alá eles. Nós pensamos outra cousa.
Pero, ollo. O Cunqueiro case veciño da nosa Chaira, o escritor pero tamén o gourmet que visitaba con frecuencia esta vila alta para admirar o noso medieval mercado de capóns, tampouco lles mereceu ás autoridades vilalbesas un simple recordo expresado no nome dunha das nosas tristes rúas, azoutadas polo vento nordés nas longas noites de invernía. Pero non se espanten: a nosa incultura é capaz de chegar a isto e a moito máis. Se a vostede, amábel lector, lle preguntan se hai en Galicia algún pobo de tamaño maior a un agrupamento de casas que non teña unha rúa adicada a Rosalía de Castro, aquela muller á que os Galegos elevamos con razón á categoría de semi-deusa, a resposta é doada: esta Vilalba medio ágrafa á que tanto queremos pero que tantos paus nos dá.
Porque, o que dixo aquilo de “é de ben nacidos ser agradecidos” non nos coñecía. Un día emocionante para a capital chairega foi o 15 de febreiro de 2003. Manuel María, o inventor da Terra Cha, saiva poética da árbore galega de postguerra, voz clara e firme da conciencia do país, ingresou na Academia Galega. Elexiu para este acto solemne o auditorio vilalbés. Grazas á súa xenerosidade escoitamos, na súa rexa voz, o fermoso discurso de ingreso, A Terra Chá: poesía e paisaxe. Pois ben, doce anos despois fomos incapaces de devolverlle aquel xesto. Tampouco o Manuel, apaixoado por Vilalba e as súas xentes, identidade da comarca da que ousamos ser capital, honrado o ano que ven co Día das Letras, merece un espazo no noso rueiro.
Nese rueiro no que seguen, imperturbábeis, un xeneral golpista (Nevado Bouza), un voluntario falanxista (Luís González Valedususo), outro militar do bando fascista (Alférez López) políticos do franquismo (Basanta Silva), alcaldes non elixidos por ninguén (Fraga Bello, Novo Cazón…) facendo todos eles guardia sobre los luceros,
impasible el ademán.
Évos o que hai…
Paulo Naseiro





















A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.



