A Deputada Provincial do PSdeG-PSOE, María Loureiro, cuestionou este xoves a “implicación” de Elena Candia coa posta en valor das rutas de peregrinación na provincia, “cando non fixo absolutamente nada para que os seus compañeiros do PP na Xunta declarasen oficial o Camiño do Mar, e ata foi capaz de rexeitar un novo albergue público de peregrinos en Mondoñedo, na súa propia cidade”, remarcou.
“É unha vergoña e un verdadeiro acto de cinismo que a mesma persoa que hoxe fala da fonte de riqueza dos Camiños, sendo ademais da Mariña, non esixise ao Goberno galego que recoñeza, dunha vez por todas, o Camiño do Mar, sobre o que existe todo un inventario documental que certifica que é unha auténtica e importante ruta de peregrinación. Así quedou constatado no libro “Camiño do Mar”, que editamos dende Deputación o Goberno socialista, sendo a primeira publicación destas características que existe sobre esta ruta. Sen dúbida, o Camiño do Mar si é unha verdadeira fonte de riqueza para a nosa Comarca e para a provincia en xeral, da que Elena Candia se esqueceu”, subliñou.
Un albergue público no Miradoiro de Mondoñedo
Só os Deputados do Partido Popular votaron en contra da moción que o grupo provincial socialista levou ao Pleno da Deputación do mes outubro, instando á Xunta de Galicia a crear un grupo de traballo para converter o Miradoiro de Mondoñedo nun albergue público de peregrinos. A colaboración do Goberno galego é imprescindible, posto que é competencia autonómica a promoción do Camiño e a xestión dos albergues públicos, tal como dita a Lei 3/1996, do 10 de maio. A iniciativa do PSOE permitiría incrementar a capacidade de aloxamento de peregrinos na Mariña. O actual albergue de Mondoñedo, con 24 prazas, estase a quedar obsoleto e pequeno. De feito, en anteriores veráns, os peregrinos tiveron que ser desprazados ao polideportivo municipal porque as instalacións estaban saturadas.
“O feito por Candia deixa en clara evidencia a súa implicación cos Camiños, posto que só se pode interpretar de dous xeito: ou ben, e de repente, se esqueceu de todo isto, ou ben, e unha vez máis, demostra que antepón os intereses do PP na Xunta aos dous seus propios veciños, actuando como unha mera sucursal do Goberno galego”, concluíu.
Declaración do Camiño de Inverno bloqueada
María Loureiro lembrou que o Goberno Provincial Socialista demandou así mesmo á Xunta de Galicia o recoñecemento do Camiño de Inverno. Tamén o fixeron os socialistas no Parlamento galego, onde prestaron unha moción que foi aprobada por unanimidade. Sen embargo, e aínda que a proposta do PSOE foi respaldada por todos os grupos políticos con representación na Cámara galega, o Executivo autonómico mantén bloqueada, dende hai meses, a declaración oficial desta ruta.