Burela, 31 de Xullo de 2015.- Este pasado xoves celebrouse o primeiro pleno ordinario da lexislatura que comeza en Burela, mais o BNG local segue a traballar arreo para os veciños e as veciñas da vila, sen importarlle quen ostenta o goberno municipal. No orde do día os temas a tratar non presentaban mais interés que o puramente administrativo, pero o portavoz nacionalista, Mario Pillado, solicitou a inmediata modificación da relación de postos de traballo (RPT) posto que un informe de secretaría falaba das súas carencias.
Foi na quenda de mocións cando o BNG tomou a batuta defendendo unha moción en apoio ó sector lácteo, que foi aprobada por unanimidade, mais outra para a reforma, restauración, reestructuración e regulación da Praza de Abastos, que o equipo de goberno rexeitou por non ter medios actualmente para levar a cabo todos os compromisos pero na que o alcalde deu a súa palabra para cumplir con parte dos acordos, como son arranxar as deficiencias máis graves que presenta o edificio e crear o regulamento de uso para que todas as asociacións e colectivos podan empregar a instalación de xeito eficiente e razonable, así como marcar as condicións nas que as entidades privadas utilizan a Praza.
Foi na parte mais ambiciosa da moción, a que ten que ver coa reestructuración e restauración do edificio na que mais problemas puzo o equipo de goberno, aínda que nos acordos se contemplaba un período longo de tempo para levar a cabo as obras e o posible financiamento doutras administracións. “Críamos que non habería problema para que se aprobase esta moción, pero semella que a situación económica do concello non está tan ben como algún decían; aínda así vixiaremos que o señor Llano faga valer a súa palabra e leve a cabo os acordos que si comprometeu” salientou Pillado.
Barcia seguía cobrando dietas en 2015 ata os 900 euros ó mes
No turno de rogos e preguntas, o portavoz do Bloque comezou salientando que ó revisar as facturas que se atopaban entre a documentación do pleno se atopaban un monte delas correspondentes a dietas e desprazamentos do ex-rexidor burelao, González Barcia, ata un total de 4581 euros nos cinco primeiros meses do ano, parte delas despois das eleccións, sabedor xa de que non continuaría como alcalde. Para o portavoz do BNG “parécenos impresentable cando agora se nos está a decir que hai obras como a dos vestiarios dos campo de herba artificial da Marosa ou a remodelación da Praza de Abastos que non se levan a cabo porque non hai fondos nas arcas municipais, mentres este señor se dedicou a gastar os cartos das burelás e dos burelaos, obtendo na práctica un sobresoldo duns 900 euros mensuais”.
Tamén solicitaron os nacionalistas a retirada da placa de Jaume Matas que figura no paseo marítimo e que por parte do propio concello de Burela se encargue unha auditoría para comprobar o estado real das contas.
As preguntas realizadas foron para ver a posibilidade de habilitar un recinto pechado para a Sociedade Protectora de Animais “Bigotes” mentres non se cumpren as súas demandas, para interesarse pola posibilidade de se celebraren eleccións á dirección da Escola de Música e, en caso contrario, modificar os estatutos para que se podan celebrar, para saber cal é o estado da praia de Ril derivado dunha análise da auga desa praia que deu resultado negativo; por último os nacionalistas preguntaron pola posibilidade de aumentar a oferta de aparcadoiros públicos, que xa están funcionando con bastante éxito na vila, en concreto no fondo da rúa do Río.
En conclusión, o BNG comeza tomando a iniciativa desta lexislatura no concello de Burela e levando as inquedanzas en xeral dos veciños ó salón de plenos do consistorio burelao.