Viveiro, 11 de agosto de 2015.- A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro informa dunha novidade que terá este ano a Feira de Stocks que celebran do 18 ao 20 de Agosto nos Xardíns Noriega Varela, e é que será a primeira edición en que se dea entrada a todos os negocios da localidade, sexan ou non asociados. O motivo non é outro, que ir dando entrada a máis variedade e maior número de postos para seguir potenciando unha Feira que dende os seus inicios tivo un grande éxito. Pretenden que a Feira sexa cada vez maior e ao mesmo tempo que negocios que non pertencen agora mesmo á Asociación coñezan as actividades que realizan e o seu xeito de traballar, para que nun futuro se poidan unir á Asociación. Dende este luns queda aberta a inscrición, que poderán realizar chamando á oficina da Asociación ao 982550707, onde lles darán toda a información necesaria para que se poidan apuntar a esta nova edición da Feira de Stocks, que xa vai pola terceira.
