Viveiro, 21 de agosto do 2015. O pavillón Municipal de Viveiro acollerá a vindeira fin de semana do 29 e o 30 de agosto a celebración da fase final da Copa Galicia, que reúne aos 20 conxuntos máis representativos do balonmán galaico. Á cidade mariña so chegarán xa os catro mellores, que competirán por un título que defende a Sociedade Deportiva Teucro. O encargado de organizar esta fase final será o Balonmán Viveiro, que toma a remuda do Balonmán Tui e que conta coa inestimable colaboración do Concello de Viveiro, da Federación Galega de Balonmán e do Grupo Galipizza, que será o patrocinador principal do evento.
As semifinais da Copa Galicia disputaranse o sábado, arrincando a primeira ás 18 horas e a segunda ás 20 horas. Para o domingo quedarán o terceiro e cuarto posto, que dará comezo ás 10:30 horas, e a gran final, que enfrontará aos vencedores do sábado a partir das 12.30 horas.
Todos os pronósticos indican que a Viveiro chegarán os dous conxuntos que competirán este ano na Liga Asobal, o Balonmán Cangas e a Sociedade Deportiva Teucro de Pontevedra. O conxunto cangués participará ademais nun torneo continental, a EHF, logo da gran temporada 2014/2015 realizada polos pupilos de Pillo. Xunto a eles poderían estar o Academia Octavio vigués e o Club Balonmán Cisne pontevedrés, os dous representantes autonómicos na División de Honra Prata.
Octavio e Cisne xa coñecen aos seus rivais en cuartos
Precisamente estes catro equipos agardan rivais nos cuartos de final, rolda á que accederon de forma directa. De momento, só o Academia Octavio e o Cisne coñecen aos seus rivais. Os olívicos enfrontaranse o vindeiro martes, día 25, ao Magope Seis do Nadal de Coia, nun interesante derbi vigués que se xogará no pavillón de Coia a partir das 21:15 horas. Os celestes impuxéronse onte nos oitavos ao Bm Luceros cangués pola mínima: 23-24. Pola súa banda, os lerezanos loitarán polo acceso á fase final co Acanor Atlético Novas, logo de que os rosaleiros se desfixeran tamén onte con autoridade do Vitaldent Bm Pontevedra: 23-29.
Os dous conxuntos da Asobal terán que esperar á noite deste venres para coñecer os seus rivais en cuartos. O Teucro xogará contra o vencedor do duelo entre o Servi-Auto Bueu Atlético e o Construccións Castro Bm Chapela, eliminatoria que se iniciará ás 21 horas no Pavillón Pablo Herbello da localidade morracense. Mentres tanto, o Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo enfrontarase a vindeira semana ao conxunto que se impoña no cruce entre a SAR Plastic Omnium, de Redondela, e o Calvo Xiria carballés. O partido xogarase ás nove deste serán no pavillón Municipal de Redondela.
Entrada gratuíta
O Balonmán Galipizza Viveiro anunciou que a entrada a todos os partidos desta fase final serán gratuítos. Así mesmo, durante os mesmos haberá sorpresas e levaranse a cabo diferentes sorteos.