Lugo 4 de agosto de 2015.- O deputado nacional lucense, Joaquín García Díez, acompañado dos senadores lucenses, Dámaso López e Armando Castosa, fixo na tarde deste martes un primeiro balance dos Presupostos Xerais do Estado para 2016 que esta mañá presentou o Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e manifestou que estas contas marcarán un antes e un despois nas infraestruturas da provincia de Lugo.
Nunha rolda de prensa e nunha primeira valoración, o popular salientou que o presuposto do Ministerio de Fomento para 2016 na provincia lucense ascende a 106,096 M€ e fixo especial mención aos 47.7 M€ que destina o departamento que dirixe Ana Pastor a todas as estradas da provincia, que supón un 12.3% superior á media nacional.
Analizando as partidas presupostarias que o departamento que dirixe Ana Pastor destinará a Lugo, o popular fixo aquí unha mención especial aos 23.2M€ que Fomento destina á A-54, o que permitirá que todos os tramos entre Lugo e Santiago estarán en obra ou co proxecto rematado e en licitación.
Neste sentido García Díez, recordou que, cumprido o compromiso anunciado ao presentar os PGE 2015 de ter este ano finalizado o tramo Lugo-Pas coa posta en servizo este outono do tramo Guntín-Palas, os PGE 2016 contemplan importantes partidas para esta autovía como son: Melide-Palas, cun custo total de 47.410.000 €, que ten unha dotación para 2016 de 7.516.000 €, ao que hai que engadir o tramo da provincia da Coruña, en total 15.000.000 €. Ademais dos tramos Arzúa- Melide, dotados con 12,1M€ e os 24M€ destinados á continuación das obras entre Lavacolla e Arzúa.
Tamén destacou os 2.260.000 € en 2016 para a circunvalación de Guntín, Intercomunicador A-54 e N-540 e os 13.410.000 € para a liquidación de obras nos tramos entre Nadela e Monte de Medo.
Con respecto á A-82, ao seu paso por San Cibrao-Barreiros, García Díez manifestou que figuran partidas presupostarias para dous dos seus tres tramos. Estes son: Foz-Burela: custo total de 1.300.000 € para proxectos con 800.000 € en 2016 e 500.000 € en 2017 e Barreiros-Foz: custo total 23.060.000 € con anualidades ata 2019 e 1.530.000 € para 2016.
Con respecto á A-56, que une Lugo con Ourense, o deputado nacional indicou que se retoman as obras no tramo San Martiño-Enlace da Barrela, paralizadas no ano 2010 e que se retomarán agora, cunha dotación de 6.200.000 € para o 2016 e con respecto á A-72, que une Monforte con Chantada, dixo que se dota unha partida de 600.000 € para o proxecto da variante de Monforte de Lemos.
García Díez tamén puxo en valor a partida de 1.000.000M€ para o Enlace da nova ponte coa cidade lucense, onde se solicita prioridade na construción de rotonda sobre a N-VIN en confluencia con Alfonso X.
Outros investimentos
Non se esqueceu o deputado nacional lucense dos 700.000 € destinados a investimentos onde figura o interese cultural do Camiño Francés nos termos municipais de Paradela, Pedrafita, Portomarín, Samos e Triacastela; dos 732.000 € para a rehabilitación e ampliación de obra de paso en N-640 ao seu paso por Meira; dos 13.671.000 €, para a conservación e explotación de estradas e seguridade vial. Nin da partida de 1.000.000 € para mellorar os cruzamentos do Camiño de Santiago coa estrada de Lugo á capital galega na N-547.
García Díez tamén manifestou que se rehabilitará e se farán labores de mantemento de firme na A-6 e na N-642, con partidas de 881.000 €.
Ferrocarril
Con respecto ao ferrocarril, o popular puxo de manifesto que o investimento de Fomento en ferrocarrís na provincia de Lugo se incrementará en 2016 un 2,93% respecto a 2015, cun importe de 17,79M€.
García Díez destacou a dotación que se previu no presuposto de Adif para a continuación das obras da Variante da Pobra de San Xillao (7,2 M€), a execución desta actuación permitirá a supresión de 14 pasos a nivel. Ademais, dixo, que se considera unha partida de 0,9 M€ para a supresión de pasos a nivel na liña Palencia-A Coruña, no municipio de Guitiriz.
Por outro lado, o popular dixo que se inclúe a dotación necesaria para o estudo de supresión de pasos a nivel no Concello de Lugo e que se seguirá traballando nos estudos da liña Lugo-A Coruña, na liña Ourense-Lugo e na liña Ponferrada-Monforte de Lemos. Ademais ten salientado os 8,9 M€ para o mantemento da rede convencional.
“Son uns presupostos rigorosos, que afianzan o crecemento da economía e preservan o estado do benestar”
O popular, que cualificou as contas estatais para o próximo ano de rigorosas, centradas en baixar os impostos e na atención ao financiamento, manifestou que grazas a estes presupostos pasaremos do 9% de déficit herdado a un 2.8% en 2016. Así mesmo dixo que con estas contas se pagará menos IRPF que en 2011, teremos máis exencións fiscais para os perceptores de axudas públicas para necesidades básicas.
Neste sentido García Díez dixo que o Presuposto para 2016 continúa así a liña emprendida, pecha unha etapa de cambio de ciclo e abre unha nova de consolidación do crecemento e do emprego.
Así mesmo, o deputado nacional manifestou que os PGE 2016 teñen un claro compoñente social (27.5% do PIB). “Agora si se pagan as facturas do gasto comprometido, que co Goberno Socialista non”.
Asegurou o popular que a prioridade do Goberno de Mariano Rajoy é seguir mantendo o Estado de Benestar e aumentar a renda dispoñible das familias, incorporando o adianto da reforma fiscal do IRPF, de forma compatible co cumprimento dos obxectivos de estabilidade acordados cos socios europeos. Isto foi posible, dixo, ao preverse un incremento da recadación por ingresos tributarios que crecerá en torno ao 4% para o próximo ano, o que permitiu acelerar a reforma do IRPF e inxectar 46 M€ para os declarantes da provincia de Lugo, o que vén a representar deixar no peto de cada declarante lucense unha media de 278 euros.
“Queda claro que apostamos e defendemos o público. Os que non o defenden son os que o arruínan”. – concluíu.