A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá realizará por segundo ano consecutivo unha fin de semana de camiñatas. Se o ano pasado se desprazaron a Teverga, nesta ocasión farano a Somiedo.
A fin de semana do 19-20 de setembro, desprazaranse á veciña comunidade de Asturias, concretamente a Somiedo, onde teñen pensado realizar dúas rutas.
O sábado, 19, realizarán a “Ruta dos Lagos” (PR.AS-15), que os levará dende o Alto de la Farrapona ata Valle de Lago, pasando polos Lagos de Salienza. Esta primeira andaina ten unha distancia de 14kms e dificultade media. No punto de destino será onde pasen a tarde, e teñan a cea e aloxamento desa xornada; así como o almorzo do domingo.
Na xornada do domingo, 20, a camiñata escollida é a “Ruta da Braña de Sousas”(AS-16.1), un paseo duns 6kms e dificultade baixa. A mediodía comerán de novo en Valle de Lago, e pola tarde, antes do regreso a Lourenzá, farán unha parada en Pola, a capitalidade do Concello.
O prezo da actividade é de 80 € para os socios e 95 € para non socios; e inclúe os desprazamentos en autobús de ida e volta dende Lourenzá ata Somiedo; a pernocta da noite do sábado; así como a cea do sábado, almorzo e xantar do domingo.
Anotan ata o luns 7 de setembro por rigorosa orde de inscrición; xa que as prazas son limitadas pola capacidade de aloxamento en Somiedo.
Os interesados en coñecer as condicións da viaxe (sistema de aloxamento, comidas, horarios…) e inscribirse, poden contactar cos teléfonos 647 06 70 54 (Javier) e 669 68 59 02 (Sandra).