Lugo, 22 de setembro de 2015.- O presidente de Novas Xeracións da provincia de Lugo, Daniel Vega, anunciou este martes o compromiso da formación xuvenil coas rutas Xacobeas aos seu paso pola provincia. “Vaise apoiar e impulsar o Camiño de Santiago, a través da celebración de actividades de carácter lúdico”, indicou o popular.
Vega considera necesario aproveitar “o potencial que se lle engadiu ao Camiño de Santiago tras o seu recoñecemento a nivel internacional”, así “recorreremos diferentes tramos dos camiños”, que permitirán poñer en valor estas rutas entre os máis novos.
Estas actividades de apoio ao Camiño de Santiago acordáronse no último Comité de Dirección celebrado pola organización político xuvenil, durante o que deseñaron o seu calendario de actividades para o que resta de ano.
Dende a formación política “cremos necesario estar preto das agrupacións locais para impulsar un novo proxecto que ilusione e chegue aos cidadáns”, explicou o presidente, polo que “renovaremos os comités locais de varias localidades”.
A maiores, a dirección provincial de Novas Xeracións tamén está a preparar a celebración de varios actos baixo o nome ‘Un goberno para ti’, que terán lugar en precampaña de cara ás vindeiras eleccións Xerais. En concreto, celebraranse no mes de decembro. Vega explicou que se tratarán de actos reducidos “nos que prime o cara a cara e no que participarán cargos de representación política tanto institucional como de partido. Celebraranse en todas as comarcas, e explicaranse todas as medidas levadas a cabo polo Goberno de España”, explicou Vega. O presidente da formación considera que “un partido político nunha época de crise ademais de informar, debe explicar as diferentes medidas que se tiveron que adoptar”.