Hai 72 anos (1943) estreábase no Gran Teatro de Lugo a primeira zarzuela galega: “Non chores, Sabeliña”. Os autores de libreto e música foran o escritor e xornalista don Xosé Trapero Pardo e o mestre Gustavo Freire, que da nome a aquel auditorio. Nutrían o elenco artístico os coros “Cantigas e Agarimos” e “Frores e Silveiras”; o éxito fixo que as representacións se sucederan por Galicia adiante .O argumento é sinxelo: unha versión do tema, tan vello e sempre novo, duns quereres de mocidadade.
Don Xosé Trapero foi un focego adoptivo: aquí veraneou 67 anos consecutivos(“non faltei – nos dixo nunha ocasión – nen cando estalou a guerra civil”); publicou centos de artigos sobre a vila, os seus engados e atractivos; personaxes populares, a historia entrañable do pobo, que tan ben coñecia; as traxedias do seu mar…Dende hai medio século ten rúa en Foz.
Nun recanto do campo da feira, un grupo de mozas, cada unha diante a súa cesta con ovos, manteiga, galiñas,,etc., para a venta… as rapazas entoan unha cantiga : “Ai, San Antonio / dame un mozo guapo/ da feira de Meira / da feira de Castro…” Entra Xastrico en escena: “¡Tamén tedes bó gusto!¿Por qué ha ser o rapaz de Meira ou de Castro?. Eu non son daí que son de Marzán, xunto de Foz; pero,¡guapo!, á vista está…!” Don Xosé introduce na peza, de ambiente campesiño, un elemento próximo ó mar; pero non netamente mariñeiro, evitando o exotismo do personaxe.. Acaso por iso o sitúa en Marzán, pois sempre alí se alternaron os labores do campo e os do mar, o que fixo decir a Manuel María, “…onde as redes mariñeiras a enxugar están/ no medio das medas e os medeiros do pan”. En maio de 1992 foi reposta “Non chores, Sabeliña” polo Orfeón Lucense, sesión á que asistimos na compaña do autor, Trapero. Ao saírmos da mesma, no Auditorio lugués, preguntamos ó mestre:,¿por qué na obra, que transcorre na chaira luguesa, introduce un elemento (Xastrico) da beiramar?.Respostounos: ”Dalgún xeito Foz tiña que estar na miña zarzuela…” Unha mostra mais do agarimo que o ilustre intelectual sentía polo noso pobo, onde era tan querido e admirado.