Santiago, 9 de outubro de 2015.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica este venres no Diario Oficial de Galicia apoios por máis de 500.000 euros a un total de 19 federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal. Ás entidades beneficiadas concédenselle tíckets de dinamización que empregarán no desenvolvemento de máis de 70 actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, ou centradas no incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos a realizar.
A Xunta contribúe así á potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e a mellora continua do servizo, o terceiro dos grandes retos que se fixa o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia. Esta folla de ruta destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.
Dentro deste plan xogan un importante papel as asociacións do sector, coas que a Consellería colabora a través de diferentes programas de actuación, concedendo este ano apoios por preto de 3 millóns de euros.
Así, ademais das axudas que hoxe se publican no DOG, este ano resolvéronse axudas a 48 centros comerciais abertos e 23 asociacións de praceiros por un total de 1,8 millóns de euros para a posta en marcha de 500 actuacións como campañas de dinamización comercial, sistemas de fidelización ou melloras da sinalización comercial externa e mellora da competitividade. Ademais, a Xunta ten activo un acordo de colaboración coa Federación Galega de Comercio por un total de 600.000 euros para impulsar a importante labor que desenvolve ao longo do ano.