Lugo, 02 de outubro de 2015.- O Valedor do Pobo rexeita a queixa presentada polo Grupo Provincial Socialista sobre a publicación das declaracións anuais de bens e actividades dos deputados. O valedor notificou por escrito que non se aprecia ningunha irregularidade nos prazos que seguiu o Goberno da Deputación para facer pública esta documentación. Así o dixo este venres a presidenta, Elena Candia, durante a rolda de prensa celebrada tras a Xunta de goberno.
Tal e como resumiu Elena Candia, o Valedor “notificounos por escrito, unha vez que o Partido Socialista fai a denuncia, unha vez que e a Deputación manda os informes e as contestacións pertinentes”, que non se aprecia a irregularidade que denuncia o PSOE. Para emitir esta queixa, os socialistas baseábanse na obriga das administracións locais de cumprir a lexislación relativa á transparencia. Pola contra, o Valedor do Pobo deixa claro que as entidades locais contan aínda cun prazo de dous anos para adaptarse a ditas obrigas, malia o que a Deputación de Lugo xa as está a cumprir.
De feito, o informe remitido polo Valedor confirma que, non só “(…)non se aprecia a irregularidade que se alega na queixa (…)”, senón que “(…)polo contrario, a publicidade activa respecto das declaracións de bens e actividades dos representantes locais déronse de forma anticipada á existencia da correspondente obriga derivada da nova lei de transparencia”.
Devolución da paga extraordinaria aos traballadores
A Xunta de Goberno tamén aprobou o abono da paga extra de decembro de 2012, equivalente a 48 días da extraordinaria e pagas adicionais, a todos os traballadores da Deputación, tanto persoal funcionario como laboral. A cantidade total destinada a este fin é de 245.652,27 euros, e o abono efectuarase en nómina separada, antes da do próximo mes de outubro.
Adxudicado o Audi A8
Outro do asuntos incluídos na orde do día desta Xunta de Goberno foi a adxudicación do Audi A8, que fora coche oficial do anterior presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e que o actual Goberno provincial decidiu vender, nunha das primeiras medidas adoptadas á súa chegada a San Marcos, á vista do que Elena Candia definiu no seu momento como “derroche”.
Hoxe, o vehículo foi adxudicado tras un proceso de oferta en sobre pechado, aceptando a permuta por un Peugot modelo Partner Tepee Outdoor 16 HDI, un vehículo novo, sen quilometraxe. Estase a estudar a súa entrega a unha entidade social.
A Deputación iluminará o paseo do Rato
A presidenta da Deputación tamén deu conta do inicio do proceso de contratación da iluminación do paseo do Rato e da estrada LU-P-2925, en base ao proxecto redactado pola Axencia Provincial da Enerxía. O proxecto prevé a adopción de medidas de eficiencia enerxética e conta cun orzamento de licitación de 1.364.913,30 euros.
Este proxecto dotará de servizo de alumeado público a unha área de esparcemento que a día de hoxe carece de dito servizo, ao tempo que aumentará a seguridade dos usuarios, tanto conductores como peóns, da estrada provincial que discorre paralela ao mesmo.
Esta sería unha das propostas que Candia trataría coa alcaldesa da localidade na reunión entre as titulares das dúas institucións e que a rexedora local suspendeu nunha mostra de “falta de respecto institucional” e de “irresponsabilidade”.
Outros asuntos
Entre outras cuestións aprobadas polos membros da Xunta de Goberno provincial, estiveron a aprobación dun trámite relacionado co Ben Empregado. Trátase, en concreto, da dación de conta da adxudicación de cinco perfís deste plan de emprego que no seu momento quedaron desertos, ben por renuncia do traballador escollido en principio ou ben por que este non superou o período de proba.
Igualmente, aprobouse a listaxe de 21 novas empresas do Ben Empregado I, logo da renuncia á subvención doutras tantas que foran beneficiarias nun primeiro momento.
Finalmente, aprobáronse propostas de rectificación e complementos de expedientes expropiatorios de obras nos concellos de Portomarín e O Corgo; ademais de aprobar unha addenda ao convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pedrafita na que se amplía o prazo de execución, ata o 30 de novembro. “Estamos ante unha mostra do compromiso da Deputación con todos os concellos da provincia, aos que está a facilitar os trámites para garantir que non perdan as subvencións concedidas”.