Ribadeo, 2 de outubro de 2015.- As concelleiras de Turismo, Ana Martínez, e de Sostibilidade Ambiental, Paz Ermida, fixeron balance do verán no municipio e salientaron os bos datos turísticos, que volven converter ao concello no que rexistra unha maior porcentaxe de ocupación hosteleira en toda Galicia.
Ana Martínez asegura que “a valoración global dende o Concello de Ribadeo deste verán e logo de facer balance do mes de setembro é moi satisfactoria. Os datos do mes de setembro son mellores que os do ano pasado, xa que foron atendidas unhas 17.600 persoas nas dúas oficinas de turismo. O maior número de información demandouse na praia das Catedrais. Alí acudiron ao punto de información turística 12.200 persoas, mentres que pola oficina de turismo do centro da vila pasaron 5.500”.
A concelleira engade que “durante o mes de setembro o tipo de viaxeiro que nos visita varía bastante do que é o de verán. Durante o mes de setembro deste ano temos un número importante de grupos, falamos de 15 grupos que pasaron pola oficina de turismo, que non son todos, e chegados de diversas partes de España. É unha media de entre 40 e 50 persoas en cada un destes grupos. Na praia das Catedrais tamén se chegou a superar en 800 a cifra de turismo organizado, neste caso referente ao mes de agosto. Polo tanto o turismo de setembro é un turismo diferente, máis organizado e un turismo dende logo máis nacional”.
A edil nacionalista incidiu en que “outro dato importante é que estamos incrementando as cifras de visitantes estranxeiros. Se no mes de agosto falabamos de que tiñamos unha cifra récord de visitantes internacionais, no mes de setembro superamos estas cifras e estamos nun 18,7% na oficina da vila e nas Catedrais nun 12% en canto a presenza de turismo internacional”.
Ana Martínez seguiu a relatar que “a procedencia dos turistas a nivel nacional é, fundamentalmente de Madrid, Castela e León e Euskadi. Estase incrementando o turismo catalán e o de Andalucía, sempre no mes de setembro. O turismo internacional ten procedencia de Alemaña, Francia, Reino Unido, Arxentina, pero debemos destacar que nos visitan de todas as partes do mundo. Temos 18 persoas procedentes de Oceanía, tamén temos xente de Irán, de Xapón. Penso que Ribadeo é cada día máis e máis internacional. Tamén é importante esa presenza internacional que temos na páxina web que funciona dende hai case un ano”.
Sobre os peregrinos que chegan a Ribadeo polo Camiño Norte “nos últimos meses rexistrou un incremento importante, agora imos cara o inverno, pero esperamos que a partir de marzo ou abril aínda se vaia incrementar máis. A media que pasou ao día pola oficina de turismo neste mes de setembro foi de uns 22, cun total de 621 que pasaron pola oficina de turismo en setembro. Moitos deles son de Alemaña, Francia e Reino Unido”.
A concelleira de Turismo tamén se referiu á ocupación “nos datos de ocupación de aloxamentos durante o mes de setembro volvemos acadar unha boa media, do 60,7%, chegando nalgúns casos a unha ocupación do 100%. Segundo o Instituto Galego de Estadística volvemos ser por segundo ano consecutivo, en comparación con concellos como Santiago, Sanxenxo A Coruña, Lugo ou o Grove, o concello que ten a maior porcentaxe de ocupación hoteleira de toda Galicia. Creo que é un dato moi importante e creo que se debe tanto ás políticas turísticas como á implicación que ten a hostalería e a empresa privada no ámbito turístico en Ribadeo. Creo que gozamos dunhas instalacións hoteleiras e de restauración importantísimas, de altísima calidade, e que a xente valórao quedándose e vindo a pasar os seus días de vacacións a Ribadeo”.
Plan das Catedrais
Sobre o verán na praia das Catedrais destacou: “a importancia do traballo que fixeron o Concello e Acisa, o traballo con Acisa foi moi importante, transmitíndolle á Xunta as nosas inquedanzas por certas medidas que discriminaban negativamente a Ribadeo, na xestión dun recurso de primeiro orde como é a praia das Catedrais. Para ben ou para mal non debemos esquecer que a praia das Catedrais está en Ribadeo, como cadra tamén que a Catedral de Santiago está en Santiago e a de Mondoñedo en Mondoñedo. Pois a praia das Catedrais está para ben ou para mal en Ribadeo e, sen menosprezar ningún outro recurso, é moi importante para a nosa hostalería e para o desenvolvemento económico da nosos municipio”.
Segundo Martínez “a Xunta nese momento entendeu as demandas que se facían dende o Concello e dende Acisa, e polo tanto a modificación nesas actuacións, como era o tema das pernoctacións cos pases para a nosa hostalaría, tamén o apoio a ese transporte público que dende facía anos estaba o Concello de Ribadeo apoiando tamén foi moi importante, aínda que quedou un sector aí un pouco discriminado en certa medida, como foi o caos dos taxistas. A ver se o ano que vén tamén sen ten en conta para acceder ao areal, apoiando a esa parte do transporte público. Noutra cousa que inicialmente tampouco se nos presentaba no Plan, como foi o tema dos aparcadoiros, esas demandas por parte do Concello e de Acisa á Xunta foron claves para que a posta en marcha do Plan fose dende logo dun xeito menos intempestivo”.
A concelleira de Turismo asegura que dende o Concello se seguirá traballando “polo desenvolvemento sostible a nivel turístico e medioambiental, como foi tamén o caso da presentación e do traballo que fixemos durante o inverno para poñer a rodar durante o verán as xeorrutas e o traballo da formación e da información a nivel xeolóxico e medioambiental, arredor de todo que supón a praia das Catedrais. Imos continuar traballando e sempre queremos facelo dun xeito aberto e conxunto con todas as institucións que teñan competencia neste ámbito. Seguimos traballando de xeito moi activo, intentando que vaia para adiante da maneira mais ordenada e participativa esa redacción do Plan Especial da praia das Catedrais para que co aporte de todos e todas se converta nunha realidade o antes posible e permita a repercusión directa sobre o comercio e a hostalaría de todo o noso municipio dese recurso que temos na porta da casa e que debemos aproveitar de xeito sostible sen deixar que se estrague”.
Ecotaxa
Pola súa banda, Paz Ermida, concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño, fixo tamén balance do verán que rematou lembrando o éxito das xeorrutas e a concienciación no coidado do entorno: “eu destacaría as xeorrutas, que foron realizadas por máis de 3.000 persoas, onde se facía un percorrido interpretativo polas Catedrais e pola costa de Rinlo a cargo de dúas persoas especializadas en Xeoloxía e unha en Bioloxía. Comezou a mediados de xullo e rematou en agosto, aínda que se mantivo nas fins de semana en setembro. Destacaría a aceptación que tivo dende o primeiro momento, podemos considerar que nese sentido se estivo traballando durante un longo período de tempo para facelo ben e ao final deu os seus resultado e foi todo un éxito”.
Ermida tamén aludiu á da labor de limpeza que se fixo nas praias e no seu entorno “e sobre todo á concienciación que se conseguiu en todos os traballadores, non só no persoal de limpeza. Eu creo que no tema de medio ambiente é moi importante facer escola e crear conciencia, tanto o persoal como de socorrismo como o de xeorrutas sempre estaban aí pendentes do estado dos areais, do entorno, para comentarnos calquera tipo de mellora, que creo que é o camiño no que temos que traballar”.
A concelleira de Sostibilidade Ambiental asegurou que no tocante á recadación dos baños das Catedrais, “nos que se cobran 50 céntimos pola súa utilización, melloramos o dato do ano pasados, onde quedou un pequeno déficit, conseguindo igualar os gastos e os ingresos. Tamén esta mellorando moito a aceptación que ten entre os usuarios, porque non é fácil chegar ás praias e que os baños estean nun estado impecable de limpeza e atención como os das Catedrais, e iso a xente agradéceo e cada vez é menos reticente a pagar eses 50 céntimos de ecotaxa que temos para colaborar un pouco cos gastos”.
Paz Ermida lembrou que “este ano estiveron abertos dende xuño a setembro nun horario de 9 a 21 horas. Procuraremos dar maior cobertura de cara o ano que vén na medida das nosas posibilidades, ben aumentando o espazo de cobertura no tempo, teremos que estudalo, pero procuramos mellorar todo o posible o servizo que se poda dar aos usuarios das praias, neste caso das Catedrais”.
A concelleira de Sostibilidade Ambiental tamén fixo balance do servizo de socorrismo: “contamos con 15 socorristas e cunha técnica sanitaria. Pensamos que foi un acerto o feito de convocar unha praza da técnica sanitaria, tivo unha notable aceptación o feito de ter unha persoa sempre disposta para calquera ferida ou incidencia que poidese ocorrer. De feito no número de incidencias recollidas observouse un incremento dende que se puxo en marcha esta figura da técnica sanitaria”.
A oficina de turismo das Catedrais seguirá aberta durante as fins de semana de outubro durante as horas das mareas.