Manuel Arango Ron.- Sra. Álvarez, hai nun coñecido programa de televisión unha sección titulada “Maldita hemeroteca”, que lle recomendo que vexa algunha vez para que se decate de que debemos ser moi prudentes cando facemos declaracións públicas para que despois estas non se volvan na nosa contra.
Queixouse vostede, en numerosas ocasións e en distintos medios, do abandono e da falta de axudas que sufriu o concello de Lourenzá durante o goberno provincial do Sr. Besteiro.
Tivo vostede nestes meses de goberno popular na Deputación, desde o seu posto de asesora da presidencia, de corrixir este suposto agravio e perdeu vostede a oportunidade de facelo.
Recentemente o goberno provincial repartiu unha morea de cartos entre os concellos que, segundo vostedes, foran maltratados polo goberno anterior. Cando apareceu esta noticia na prensa, algúns, entre os que me atopo, buscamos rapidamente a páxina do periódico coa certeza de que Lourenzá aparecería no listado de concellos “equilibrados” con estas axudas. Pero non foi así. ¿Actuou vostede de asesora neste caso? ¿Que argumentos pode esgrimir agora, Sra. Álvarez?
Durante os anos de goberno do Sr. Besteiro realizáronse obras no concello de Lourenzá grazas ao traballo d@s concelleir@s socialistas que estaban na oposición municipal. ¿Non foi vostede capaz de conseguir ningunha actuación da Deputación para o noso municipio?
¿Como pode vostede agora dicir que son responsabilidade do goberno actual as obras pendentes de realización por parte da Xunta ou do Goberno central?
Acórdese vostede (“Maldita hemeroteca”) que manifestou que a reparación das pontes era cousa de días, que había unha promesa de Fomento para solucionar o tema das inundacións producidas polos fallos na execución das obras da autovía, que estaba negociando con Patrimonio a restauración do mosteiro, etc., etc… (Mesmo se interesaba vostede pola sinalización antinéboa da autovía, que xa estaba feita).
Agora presenta vostede unha moción no Concello instando ao goberno provincial para que conceda unha axuda para a Festa da Faba… pero para a edición de 2016. No pasado mes de agosto xa se solicitou unha para a edición deste ano. ¿Que asesorou vostede neste caso? ¿Cal foi a resposta?
Sra. Álvarez, está vostede deslixitimada para facer oposición e dar leccións de benfacer político. Vende vostede fume.
Do seu labor como alcaldesa xa opinaron @s veciñ@s de Lourenzá.
Do seu labor como asesora da presidenta da Deputación aos feitos me remito. ¿Que fixo vostede por Lourenzá?
Sra. Álvarez, ex-asesora da Deputación Provincial, de parte d@s veciñ@s de Lourenzá: ¡GRAZAS POR NADA!
Manuel Arango Ron, voceiro do grupo municipal socialista de Lourenzá.