Ribadeo, 16 de novembro de 2015.- A Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho convoca unha nova edición da fase local do Certame de Poesía Infantil Nadal 2015, no que poden participar todos os nenos e nenas que o desexen con poemas sobre o tema xenérico do Nadal. O prazo para participar está aberto ata o próximo 18 de decembro e cada autor pode enviar cantos poemas desexe, sempre escritos en galego e cunha extensión máxima dun folio a unha soa cara.
Establécense tres categorías. A categoría A para nen@s ata os 8 anos, a B, entre 9 e 11 anos e a C, de 12 a 16 anos. No reverso de cada traballo irán escritos os datos do autor, o seu nome completo, idade, enderezo, teléfono e colexio. Os exemplares deben ser entregados na Biblioteca Municipal.
Un xurado formado por entendidos na materia seleccionará por cada categoría un máximo de tres traballos. Os autores escollidos recibirán cadanseu diploma e libros. Os traballos premiados na fase local participarán na fase provincial do certame, convocado neste caso pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo.
O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2016. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública, que se reserva o dereito de publicación das obras.