Ribadeo, 18 de novembro de 2015.- A Concellaría de Igualdade presentou na mañá deste mércores os actos conmemorativos do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. O acto central consistirá nunha cadea humana que percorrerá dende as 12 do mediodía as rúas da vila dende o Cine Teatro ata o Concello, seguida da lectura dun manifesto ás 12:30 horas. Á presentación asistiron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, acompañados do presidente de Acisa, Francisco Iriarte, e de representantes dos centros de ensinanza e de asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio. A partir do luns repartiranse chapas conmemorativas dende o Concello para lucir durante a semana.
A edil nacionalista explicou que “dende a Concellería de Igualdade sempre se están facendo actividades ao longo de todo o ano relacionadas co tema da sensibilización, da coeducación e, dende logo, co tema da prevención e tratamento da violencia machista. Levamos dende 2005 facendo campañas cos centros educativos do noso municipio, campañas que denominamos Un futuro por compartir en igualdade. Dada masacre que está habendo, e non podo dicilo doutra maneira, dadas as noticias coas que nos levantamos todos os días, que cada día que abrimos un xornal, hai unha muller máis vítima de violencia machista, e non só mulleres, tamén nenas, creo que este ano houbo un repunte importantísimo. É algo que nos deixa con desacougo, que nos deixa impotentes ante todo o que está sucedendo. É de tal gravidade que debemos facer consciente a toda a cidadanía do que está pasando. Como cidadáns de a pé, como políticos e como educadores, queriamos facer algo onde non soamente nos implicamos nós mesmos, senón que fora máis alá das portas do Concello, que a vila se manifestara e berrara ese día contra o que está pasando”.
Álvarez Lastra indicou que “a cadea humana vai ter lugar o 25 de novembro, ese mércores pola mañá. O punto de encontro será o Cine Teatro de Ribadeo e a idea é subir pola rúa Reinante, atravesar o mercado, posto que é mércores e pensamos que é unha maneira de que a cidadanía se dea conta e se implique… é facer as actividades onde está a xente. Polo tanto atravesaremos a rúa Doutor Moreda, baixaremos por Ramón González, e faremos toda a rúa peonil Rodríguez Murias ata chegar o Concello. Fixemos esta planificación tendo en conta a participación que temos a día hoxe. Estamos moi satisfeitos porque os centros educativos do municipio van participar con 550 alumnos e alumnas, ademais do profesorado que se está implincado. Sabemos que vai haber máis participación e estenderémolo por Avenida de Galicia ou Rúa San Roque, o máximo que poidamos”. A concelleira de Igualdade fixo un chamamento “á cidadanía para que ese día ás 12 da mañá se pase polo entorno do Cine Teatro, se una nese momento. A cadea vai durar uns 20 ou 25 minutos e invitamos á cidadanía a que participe con nós como mostra de rebeldía e de solidariedade con esas familias e esas mulleres que non están xa con nós por esa violencia”.
Mariluz Álvarez Lastra destacou tamén a colaboración do comercio ribadense, dos centros de ensino e das asociacións: “Acisa volcouse con esta iniciativa cando a presentamos no Consello Municipal da Muller así como a totalidade das asociacións que forman parte del, sindicatos, asociacións da zona rural, asociacións culturais e deportivas. Todo o mundo se está movendo”.
A concelleira tamén explicou a simboloxía do cartaz presentado para chamar a atención nas rúas e comercios de Ribadeo contra a violencia machista: “escollemos un cartaz que chame a atención pola súa imaxe. Representa a unha muller alegre e divertida, pero tamén loitadora, que leva o megáfono en man e berra o lema Por elas, por nós, violencias non, que se vai corear todo o día. O megáfono é o Faro da Illa Pancha, que guía ás mulleres e serve tamén de altofalante. A muller vai vestida con roupa mariñeira, posto que Ribadeo ten o seu emblema na Ría de Ribadeo, e o lila como cor do movemento feminista”.
A edil responsable de Igualdade engadiu que “imos facer o reparto de todo o material e dos cartaces a través de Acisa e, a onde non cheguen eles, chegaremos nós. Tamén temos unha chapas coa imaxe do cartaz que lle pedimos á cidadanía que coloque ese día e ao longo de toda a semana. Repartirémolas a semana que vén, o luns. Imos pedirlle tamén ao persoal municipal que leve ese emblema e participe. O telefono do Centro de Información ás Mulleres (CIM), o 982 120 739, terá o material dispoñible para aquelas asociacións e persoas a título individual que desexen adquirir esa chapa para poder reivindicar e loitar contra esta lacra social”.
Álvarez Lastra dixo tamén que o percorrido da cadea se fará cos seus membros vestidos de negro: “imos participar uniformándonos, empregando a cor negra e para iso ímoslles facilitar aos participantes unhas bolsas de lixo negras para vir todos uniformados. Unha vez que rematemos a cadea viremos ao Concello e leremos un manifesto, participará tamén o profesorado da Escola Municipal de Música cun toque musical e de ledicia de que estamos tamén aí con elas. Será ás 12:30 horas diante do Concello e farémolo sobre a imaxe dunha pancarta que colocaremos ese día pola mañá, que o ano pasado se traballou cos centros educativos. Poñía a palabra machismo e este ano reconvertémola porque pensamos que a mellor maneira de combater o machismo é ter unha sociedade igualitaria entre os dous xéneros. Imos ocupar a fachada, toda a parte dianteira do noso Concello, cunha pancarta co fondo morado que vai tapar o machismo cunha palabra por riba que é igualdade. Continuará ao longo de toda a semana, ata finais de mes, para que non quede a celebración só nese día puntual”.
Mariluz Álvarez Lastra quixo tamén lembrar que este domingo o Auditorio Municipal acolle a obra de teatro infantil Rosa Caramelo, “onde se traballa a igualdade e os non estereotipos na forma de vestir”. E adiantou que o seu departamento traballa “noutros proxectos innovadores que se van facer cos centros educativos, relacionados coa publicidade, o sexismo e os micromachismos”.