Viveiro (Lugo), 7 de novembro de 2015.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, gabou este sábado o inestimable labor que levan a cabo os membros da Asociación de Voluntarios de Protección Civil no eido das emerxencias na nosa comunidade.
Luis Menor asistiu esta mañá ao II Encontro Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Lugo, que tivo lugar na casa do Concello de Viveiro, e onde resaltou o traballo do persoal das agrupacións de Protección Civil en todo tipo de tarefas, xa sexan de emerxencia, humanitarias ou de apoio a institucións e cidadáns, salientando que estas agrupacións constitúen un referente na nosa sociedade, e o seu traballo merece un continuo recoñecemento por parte dos cidadáns.
Segundo destacou o director xeral, o voluntario de protección civil é unha persoa, polo tanto, con compromiso firme, que actúa de forma altruísta, na procura de axudar aos seus veciños polo que destacou a importancia que teñen no eido das emerxencia e a importancia que dende a Xunta se lle faciliten os instrumentos axeitados para o seu traballo.
Luis Menor incidiu tamén que é de especial importancia a formación continua dos membros de Protección Civil de Galicia o que redunda de maneira positiva para a cidadanía galega, xa que son un dos primeiros chanzos que se atopan os cidadáns cando ocorre unha emerxencia. Menor gabou o sentido do deber e de sacrificio destes voluntarios.