Cervo, 12 de novembro de 2015. O Concello de Cervo organiza para o día 21 deste mes, sábado, a cuarta edición da Larpeirada de ourizo de outono, que terá lugar en San Cibrao. Este evento inclúe magosto popular, concurso de postres elaborados con castañas e a entrega de premios do certame de debuxo infantil sobre a castaña para nenos e nenas de 3 a 11 anos, que poden presentar os seus traballos ata o día 20 na Casa da Cultura ou na Casa do Concello.
O día 21 as actividades comezarán ás 16.30 horas coa recepción na sala de exposicións da Casa da Cultura dos pratos elaborados con castañas participantes no concurso gastronómico. Ás cinco da tarde empezará na Prazoleta de San Ciprián o magosto popular amenizado polo grupo de gaitas A Rebolaxe. E ás 18.00 horas entregaranse os premios do certame gastronómico e do concurso de debuxo infantil.
A concelleira de Educación, Cultura e Xuventude, Dolores García Caramés, explicou que este evento “chega este ano á cuarta edición e como novidade contaremos co grupo de gaitas A Rebolaxe durante o magosto popular. Invitamos a todos en xeral, pero facemos un chamamento especial ao público infantil e xuvenil para que se anime a participar no concurso de postres. Os certames gastronómicos sempre atraen a numeroso público, que ademais de ver e degustar os pratos que se presenten tamén poderán comer as castañas do magosto. Ademais entregaranse os premios do concurso infantil de debuxo sobre a castaña na súa cuarta edición, para o que xa se enviaron as bases aos colexios do concello”.