Lugo, 14 de novembro de 2015.- A Deputación sumouse este sábado ao acto organizado polo Concello de Lugo en repulsa da masacre de París e en memoria das vítimas. O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, participou no minuto de silencio diante da Casa Consistorial lucense. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, leu un comunicado para condenar os actos terroritas e trasladar a máxima solidariedade co pobo francés.
Ante os criminais e execrables atentados en París, o Goberno Provincial da Deputación de Lugo manifesta a súa “máis absoluta repulsa e consternación”.
Así llo trasladou o Executivo da Deputación á Embaixada de Francia en España e á Embaixada de España en Francia a través dun comunicado para que fose remitido ao Goberno francés e á Alcaldesa de París.
No comunicado, o Goberno Provincial expresa a súa solidariedade co pobo francés e as súas institucións, o seu sentimento de pesar e condolencias ás vítimas e familiares, agardando o restablecemento dos feridos.
O Executivo da Deputación defende “a unidade na defensa das liberdades e da democracia contra quen quere poñer en risco, sexan de onde sexa e cales foran os seus métodos, os principios da nosa sociedade de dereito, baseada na convivencia en paz entre todos os pobos de Europa”.