Lugo, 7 de novembro de 2015.- A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal, non formará parte das listas dos populares lucenses ó Congreso. “É unha decisión que levo meses meditando, é estritamente persoal e comuniqueilla persoalmente ao noso presidente provincial, ó que agradezo todo o seu apoio e confianza durante estes anos”, manifestou Iglesias Fontal. “A intensidade do traballo nestes últimos anos continuo e o desexo de dedicarlle máis tempo á miña familia leváronme a tomar esta decisión”.
O portavoz do Grupo Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, agradeceu o seu traballo nestas dúas lexislaturas no Congreso dos Deputados e destacou “a súa valía e o seu esforzo por representar sempre os intereses de todos os lucenses”.
Olga Iglesias Fontal foi Deputada pola provincia de Lugo desde o ano 2009. Na IX lexislatura foi portavoz adxunta de Agricultura e na lexislatura vixente, a X, portavoz adxunta de Sanidade e Consumo. Ademais, foi a primeira muller que fixo uso do voto telemático en xuño de 2012. “Para min foi un honor representar á provincia de Lugo estes seis anos, especialmente nesta lexislatura que foi, sen dúbida, unha das máis importantes da nosa democracia e síntome orgullosa de poder apoiar o labor do noso Goberno liderado por Mariano Rajoy”, destacou Iglesias Fontal.
A popular continuará co seu traballo á fronte do consistorio de Triacastela, unha alcaldía á que accedeu por primeira vez en maio de 2011 e que revalidou nestas últimas eleccións municipais. “A partir de agora dedicareime, en exclusiva, á política local e a cumprir co mandato que me encomendaron os veciños”, sinalou a rexedora de Triacastela.
“É importante ter vida antes e logo da política, a partir de agora compaxinarei o meu traballo á fronte da alcaldía, da que non percibirei ningunha remuneración económica, coa miña actividade profesional como inspectora veterinaria da Xunta de Galicia; isto permitirame estar en contacto diario e directo con todos os veciños e coñecer de primeira man os seus problemas”, explicou Fontal.
Pola súa banda, José Manuel Barreiro afirmou que Iglesias Fontal “demostrou durante estes anos que é unha traballadora incansable, responsable e seria” e agradeceu a súa “dedicación” e o seu papel como Deputada pola provincia. Barreiro asegurou que está “convencido de que Olga seguirá apoiando o proxecto político de Mariano Rajoy e traballando para conseguir unha España unida e forte económicamente desde o seu papel á fronte da alcaldía de Triacastela”.