Chantada, 5 de decembro de 2015. A candidata ao congreso por Lugo de Nós-Candidatura Galega, Olalla Rodil defendeu a necesidade de implementar, dende o estado español, políticas públicas da memoria sobre o esquecemento das vítimas da represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79 anos despois do golpe militar fascista, 40 anos despois da morte do ditador. Rodil visitou a tumba de Xosé Castro Veiga, coñecido como O Piloto, que foi o último guerrilleiro da loita antifranquista e que morreu asasinado pola garda civil, preto da presa de Belesar, o 10 de marzo de 1965.
Olalla Rodil afirmou que “a historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio” e sinalou que, dende Nós, Candidatura Galega, apostaremos pola aplicación e aprobación dunha lexislación da memoria de carácter estatal. “Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff” engadiu Rodil. Olalla Rodil estivo acompañada do múmero dous ao congreso, Xosé A Ledo, e da cabeza de lista ao senado, Rosana Prieto.
“A presenza de simboloxía da ditadura en, practicamente, todas as vilas e cidades deste país indica claramente que hai moito traballo por facer” afirmou Olalla Rodil e engadiu que “mentres pervivan, baixo o teito da legalidade e recibindo cuantiosas subvencións, organizacións como a fundación Francisco Franco quere dicir que o poder da ditadura segue influíndo nas vidas de todas nos a pesares deste aparente estado democrático no que nos queren situar”. Nunha xornada maratoniana Olalla Rodil participou nun acto informativo na feira de Chantada, visitou a tumba de O Piloto, e participou nun mitin na localidade de Ferreira de Pantón.