Barreiros, 9 de decembro de 2015.- Non haberá cambios nin na Xunta de Goberno nin no equipo de goberno do Concello barreirense. Así o dixo o alcalde, Alfonso Fuente, no pleno celebrado este mércores pola mañá. O rexedor insistiu en que, a pesares de causar baixa como afiliados do PP (el e varios concelleiros), seguen pertencendo ao grupo do PP e non se pasarán ao grupo Mixto.
Fuente Parga contou que “o pleno de hoxe desenvolveuse con total normalidade. No primeiro punto o BNG solicitou a contestación a unha serie de preguntas e así se foi facendo, dirimindo esa serie de preguntas, informando de que non hai ningún cambio en canto á Xunta de Goberno e ao equipo de goberno do Concello de Barreiros. Pese a darnos de baixa como afiliados do Partido Popular, a propia secretaria no seu informe xurídico di que non é obrigatorio. Nin o partido nin ningún concelleiro solicitamos a baixa do grupo do Partido Popular, polo tanto seguimos no grupo, que ninguén se equivoque, que en Barreiros segue gobernando o grupo do Partido Popular, o Partido Popular. Por máis que lle pese ao Bloque Nacionalista Galego, que intenta confundir dicindo que se nos dimos de baixa teríamos que pasar ao grupo mixto, e iso non é verdade, e así o di o informe xurídico, que mentres non solicitemos a baixa por escrito do grupo seguimos pertencendo ao grupo do Partido Popular, outra cousa é a afiliación, que non é obrigatoria para presentarse en calquera grupo, nin na do PP nin en ningún outro partido”.
O rexedor subliñou que “os membros da Xunta de Goberno local, van seguir sendo os mesmos porque non hai ningún cambio. Por outro lado, onde solicitaban a cantidade destes custes xudiciais, xa se lles aclarou: se ao final do proceso resulta que fóramos culpables nós costearemos ese proceso xudicial e non lle custará nin un só euro ao Concello, pero se saímos non culpables, evidentemente está claro que eses gastos si os tería que asumir o Concello porque están dentro do desenvolvemento do cargo. Esas foron as preguntas”.
Sobre a moción de reprobación contou que foi votada en contra: “saíu adiante co voto meu, co voto de calidade do alcalde, xa que hoxe faltaba un concelleiro que desculpou a súa ausencia porque comezaba hoxe a traballar ás sete da mañá e lle era imposible poder asistir a este pleno”.
Dimisión de Besteiro
Alfonso Fuente criticou a actitude mantida na sesión plenaria pola portavoz do PSOE: “xa que nalgún momento quedou patente a falta de educación da portavoz do Partido Socialista. En varias ocasións lle indiquei que por favor mantivera a orde e que por favor escoitara e deixara falar, non o fixo así e nun momento dado tiven que levantarlle a voz e pedirlle que deixara escoitar ao resto, por que o primeiro é a educación. Eu en ningún momento interrompo as intervencións nin da portavoz do BNG nin do Partido Socialista, pero é que resultaba imposible, e toda a xente que estivo no pleno puido ver que era imposible poder falar e rebater o que alí estábamos a escoitar. Quizais o que menos lle gustou á portavoz do PSOE foi cando despois de pedir a nosa dimisión foi cando eu lle dixen que o primeiro que tiña que facer, posto que mencionaba que o Partido Socialista de Galicia pedía a nosa dimisión, que o PSdeG o primeiro que tería que facer, dado que a imputación nosa é idéntica á do señor Besteiro, que o primeiro que tería que dimitir era o señor Besteiro. Non se pode vir aquí pedir unha cousa e estar facendo a contraria”.
Boom urbanístico
O alcalde de Barreiros seguiu a relatar que “se nos imos ao BNG, a verdade é como xa lles dixen, que as eleccións gáñanse nas urnas, non nos xulgados. Como nós levamos coa imputación unha serie de anos, xa houbo un arquivo da causa, non chegando a celebrarse o xuízo, e que logo foi recorrido pola Fiscalía. Agora haberá un xuízo pero a situación, o que se lles explicaba era iso: as eleccións xa foron gañadas por este equipo de goberno nos anos 2007, 2011 e fai uns meses no 2015, polo tanto nós imos continuar porque así o quixo o pobo de Barreiros”.
Fuente Parga engadiu: “nun pobo pequeno como é Barreiros coñecémonos todos, e cando nos coñecemos todos sabemos todos o que fixemos e o noso pasado está aí. E o pasado da portavoz do BNG aínda fai pouco que se lle aperturaba un expediente neste Concello, sabemos dunha serie de infraccións urbanísticas que se puxeron de manifesto naquel pleno, e logo tamén somos todos coñecedores que houbo quen na época do boom urbanístico aproveitou esa situación, o cal é moi lícito, pero evidentemente vir despois a criticar esa situación de boom urbanístico non parece moi lóxico, non parece moi ético, senón máis que demagóxico. Así llelo fixen saber no pleno, creo que os confunde un pouco a situación do que está suceder na Deputación de Lugo, onde hai líos todos os días entre o equipo de goberno, e aquí quedoulles moi claro hoxe que no equipo de goberno non hai ningún problema e o único no que pensamos é en gobernar Barreiros, en tirar para diante e continuar facendo melloras para o noso Concello e os nosos veciños”.